Xunta e Biblioteca Nacional impulsarán en 2021 exposicións itinterantes sobre Emilia Pardo Bazán e o Camiño

As dúas mostras inauguraranse en Madrid e viaxarán despois á Coruña e a Santiago de Compostela.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/12/2020 | Actualizada ás 16:06

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia e a Biblioteca Nacional de España, xunto a Acción Cultural Española, colaborarán na celebración de dúas exposicións itinerantes en 2021 sobre a figura e obra de Emilia Pardo Bazán e sobre o Camiño de Santiago. Así o acordaron este martes o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; a directora da Biblioteca Nacional de España (BNE), Ana Santos; e o presidente de Acción Cultural Española, José Andrés Torres, na firma do acordo de colaboración na sede a Biblioteca Nacional.

Emilia Pardo Bazán
Emilia Pardo Bazán

Tal e como explicaron, as dúas exposicións, que poderán verse en Madrid primeiro, e na Coruña (a de Pardo Bazán) e Santiago (a do Camiño) despois, utilizan o ano 2021 como fío condutor xa que, ademais de ser ano Xacobeo, celebrarase o centenario da morte da escritora galega.

Por unha banda, a mostra sobre Emilia Pardo Bazán, comisariada por Isabel Burdiel, historiadora e biógrafa da escritora galega, incluirá máis de 200 pezas --relatos literarios, persoais e políticos, entre outros-- procedentes da Biblioteca e de institucións privadas. Mediante estes elementos, cunha visión "europea e transnacional", preténdese mostrar a "modernidade" da obra e pensamento de Pardo Bazán.

O conselleiro de Cultura, que reivindicou o feminismo exercido pola autora galega "nuns tempos moi complicados", destacou o momento en que chega esta exposición, cando o Goberno galego "traballa para protexer o legado de Pardo Bazán".

Román Rodríguez lembrou que a Xunta publicou a semana pasada o expediente que inicia o procedemento para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) a biblioteca da escritora galega, case 3.000 volumes repartidos agora mesmo entre o Pazo de Meirás --que a familia Franco debe devolver ao Estado antes do día 10-- e a sede da Real Academia Galega (RAG).

'AS PEGADAS DO CAMIÑO'

Doutra banda, 'As pegadas do camiño', exposición comisariada polo exdirector da Real Academia Española, Darío Villanueva, mostrará aos visitantes pezas procedentes do fondo da Biblioteca como cartografías das antigas rutas de peregrinación, iconografías xacobeas, o Códice Calixtino e a Historia Compostelá, entre outros.

Tal e como explicou a directora da Biblioteca Nacional, a exposición visibilizará "as moitas caras históricas e culturais" que ten o Camiño. "Verase un pouco de todo o que o Camiño deixou en todas as nosas manifestacións culturais; na arte, a filoloxía, o cinema ou a ciencia", comentou Ana Santos.

"Queremos que sexa un paseo polas coleccións da Biblioteca Nacional, que conservan a nosa historia e a nosa cultura", manifestou, á vez que destacou que o 2021 será "un ano galego na Biblioteca Nacional de España".

Á achega do arquivo tamén se referiu Román Rodríguez, que agradeceu a colaboración da BNE e de Acción Cultural Española. "Galicia gaña dous aliados para promocionar a nosa cultura e tamén o Xacobeo", destacou o conselleiro de Cultura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta