Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2020 | Actualizada ás 14:55
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou este mércores á "responsabilidade" e ao comportamento "individual" dos cidadáns para que a reapertura parcial da hostalaría non derive nun aumento dos contaxios por coronavirus. É máis, advertiu de que se a curva volve subir e os datos epidemiolóxicos así o ditan, volveríanse a establecer medidas de restrición duras nas festas de Nadal.
"Por iso pido responsabilidade, hoxe pido máis responsabilidade que nunca. Se a curva volve subir, volveriamos pechar aínda que estivésemos en Nadal", avisou.
Feijóo lanzou esta mensaxe na xornada posterior á reunión do comité clínico tras a que se acordou as fases de desescalada para a hostalaría nesta segunda onda da pandemia, tras a reapertura do verán, e que será gradual en función da situación de cada concello. En todo caso, o presidente autonómico advertiu de que na actual situación da pandemia non é posible falar aínda da reapertura total, como así o reflicten as fases deseñadas polo Goberno galego, que non contemplan neste momento esa posibilidade.
Ademais, este mércores, como é habitual semanalmente polo estado de alarma, celébrase o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), no que se dan cita as comunidades autónomas co Goberno central para coordinar medidas. Un dos temas que está sobre a mesa é o deseño dunhas medidas marco para a celebración das festas do Nadal, nas que, en todo caso, Feijóo dixo que debe seguir imperando a responsabilidade sexa cal for o nivel de restricións: "entre as videoconferencias e os abrazos, hai termos medios".
Galicia, como vén expresando o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presente na rolda de prensa, e o propio Feijóo, é partidaria de que haxa un marco común no conxunto do Estado e que logo se poidan aplicar certas especificidades en función das características propias da comunidade e a propia situación epidemiolmógica.
A proposta coa que acode a Xunta á reunión desta tarde baséase en que se poidan unir "dúas unidades familiares" nas que non pese tanto o número de persoas --neste caso Feijóo puxo o exemplo de que é máis seguro que haxa 12 persoas de dúas unidades de convivientes que menos persoas pero de diferente procedencia--. Tamén lanzou dúas advertencias, que as persoas coas que se pase o nadal ou o fin de ano deben de ser as mesmas, xa que sería facer "trampa" dividirse en función das festas, aínda que en cada caso sempre sexan dous núcleos familiares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.