Os menores non son inmunes á Covid-19: así lles afecta a síndrome inflamatoria multisistémica

Un estudo determina que hai unha relación directa entre o SARS-CoV-2 e a síndrome hiperinflamatoria en nenos e adolescentes. Os expertos piden estar en alerta ante síntomas relacionados con esta afección e preparar as unidades de coidados intensivos pediátricos para estes casos.

Por Alberto Quian | Madrid | 03/12/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Semella haber na sociedade a idea xeralizada de que os menores son practicamente inmunes á Covid-19. Porén, existen evidencias clínicas de que a enfermidade causada polo coronavirus SARS-CoV-2 pode causar tamén estragos na saúde dos máis novos.

Cativa protexida cunha máscara contra a Covid-19
Cativa protexida cunha máscara contra a Covid-19 | Fonte: www.vperemen.com, Licencia CC-BY-SA.

Un estudo multicéntrico realizado con datos de varios hospitais do Estado español revela que a síndrome inflamatoria multisistémica asociada á Covid-19 “semella ser a presentación máis frecuente entre nenos con enfermidades críticas con infección por SARS-CoV-2”.

Os autores do estudo, publicado na revista científica Critical Care, lembran que “malia que a infección por SARS-CoV-2 é menos grave en nenos que en adultos, algúns pacientes pediátricos poden presentar síntomas graves que requiren coidados intensivos”. Entre eses casos graves están os que padecen síndrome inflamatoria multisistémica. No estudo detectouse que o 75% dos pacientes pediátricos con esta afección tiñan máis de 6 anos.

A maioría dos pacientes pediátricos con Covid-19 que requiren coidados intensivos presentaban síndrome hiperinflamatoria 

Os científicos tamén destacan que a maioría dos menores que requiren coidados intensivos presentaban síndrome hiperinflamatoria "no canto da enfermidade clásica Covid-19 con afectación respiratoria grave". “Xeralmente”, salientan, “o curso desta síndrome é favorable”.

“Esta síndrome caracterízase por febre [95,6 % dos casos], hipotensión [91,1 %], síntomas gastrointestinais [90,9 %] e manifestacións cutáneas [68,9 %] con elevación de marcadores inflamatorios xunto cunha linfopenia significativa [número máis baixo que o normal de linfocitos, un tipo de glóbulos brancos no sangue], que requiren terapia vasoactiva”, detallan.

Os investigadores tamén detectaron que o número de casos de síndrome inflamatoria multisistémica foi maior despois do aumento dos contaxios de coronavirus en España. “Isto, e o feito de que é frecuente que os pacientes con síndrome inflamatoria multisistémica teñan probas de PCR negativas de SARS-CoV-2, admiten unha relación causal entre o SARS-CoV-2 e a síndrome inflamatoria multisistémica na que podería estar implicada a desregulación da resposta inmune dos nenos”, argúen (a desregulación inmune é o conxunto de manifestacións clínicas debidas a un mal funcionamento do sistema inmune que van máis aló da susceptibilidade a enfermidades infecciosas). 

A comunidade científica cre, polo tanto, que esta síndrome pode aparecer tras unha infección asintomática do virus, como se apuntou tamén noutros estudos, nos que se alerta de que esta afección poder ser "perigosa e potencialmente letal" para os menores.

Agora, din, “son necesarios estudos internacionais e multicéntricos máis grandes para caracterizar esta síndrome con maior precisión e establecer o tratamento óptimo”.

As evidencias, segundo estes expertos, deben levar aos responsables da xestión da sanidade a aplicar “políticas sanitarias relativas á preparación das unidades de coidados intensivos pediátricos para a pandemia SARS-CoV-2” que teñan en conta que “unha alta proporción de pacientes presentará síndrome inflamatoria multisistémica”.

“Polo tanto”, engaden, “deberían elaborarse protocolos de xestión específicos e a adquisición e distribución de recursos deberían ter en conta as características e necesidades terapéuticas destes pacientes”.

QUE É A SÍNDROME INFLAMATORIA MULTISISTÉMICA?

Os Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades (CDC) –axencia do Departamento de Saúde e Servizos Humanos dos Estados Unidos– describen a síndrome inflamatoria multisistémica en nenos como “unha afección na que diferentes partes do corpo poden inflamarse, incluído o corazón, os pulmóns, os riles, o cerebro, a pel, os ollos ou órganos gastrointestinais".

Aínda que recoñecen que non se sabe que a produce, “con todo, si sabemos que moitos nenos con síndrome inflamatoria multisistémica tiveron o virus que causa a Covid-19, ou estiveron preto de alguén con Covid-19”.

Esta afección “pode ser grave, mesmo mortal, pero a maioría dos nenos aos que se lles diagnosticou esta afección melloraron con atención médica”

Os científicos confesan que aínda están a aprender sobre esta síndrome e como afecta os menores, e non saben, por exemplo, por que algúns nenos enferman con esta síndrome e outros non. “Tampouco sabemos se os nenos con certas afeccións son máis propensos a contraer a síndrome inflamatoria multisistémica", expoñen. Estas son “algunhas das moitas interrogantes” nas que está a traballar a comunidade pediátrica.

Os CDC lembran que esta afección “pode ser grave, mesmo mortal, pero a maioría dos nenos aos que se lles diagnosticou esta afección melloraron con atención médica”.

Os principais síntomas desta síndrome son febre, dor abdominal, vómitos, diarrea, dores de pescozo, erupcións, ollos inxectados de sangue e esgotamento intenso. Con todo, as autoridades sanitarias piden “ter en conta que non todos os nenos terán os mesmos síntomas” e instan os maiores a “buscar atención médica urxente” se o menor ao seu coidado manifesta algún destes síntomas “ou outros signos preocupantes”: dificultade para respirar, dor ou presión no peito que non desaparece, confusión, incapacidade de espertarse ou permanecer esperto, coloración azulada nos beizos ou no rostro ou forte dor abdominal.

En España houbo un consenso científico estatal sobre o diagnóstico, a estabilización e o tratamento da síndrome inflamatoria multisistémica pediátrica vinculada ao SARS-CoV-2. Entre as recomendacións do Grupo de redacción multidisciplinar conformado pola Asociación Española de Pediatría, a primeira é que “todo paciente con sospeita de síndrome inflamatoria multisistémica deberá ser ingresado nun centro hospitalario que permita unha abordaxe pediátrica multidisciplinar”, recolle o texto asinado por expertos da Sociedad Española de Cardiología Pediátrica y Cardiopatías Congénitas (SECPCC), a Sociedad Española de Cuidados Intensivos Pediátricos (SECIP), Sociedad Española de Infectología Pediátrica (SEIP), Sociedad Española de Pediatría Hospitalaria (SEPHO), Sociedad Española de Reumatología pediátrica (SERPE) e Sociedad Española de Urgencias de Pediatría (SEUP).

"As hipóteses iniciais apuntan a que esta síndrome pode estar relacionada coa Covid-19”, avanzou a OMS

Por outro lado, un informe científico da Organización Mundial da Saúde (OMS) alertaba en maio deste ano do ingreso en unidades de coidados intensivos de nenos e adolescentes en Europa e en América do Norte, “afectados dun cadro inflamatorio multisistémico de características similares á enfermidade de Kawasaki e á síndrome de choque tóxico”.

“Describíronse cadros clínicos agudos acompañados dunha síndrome hiperinflamatoria que evoluciona a insuficiencia multiorgánica e choque. As hipóteses iniciais, baseadas nos resultados de probas iniciais realizadas no laboratorio, apuntan a que esta síndrome pode estar relacionada coa Covid-19”, apuntábase naquel informe.

Ante a urxente necesidade de adquirir máis coñecemento sobre a relación da Covid-19 con este cadro clínico e por que os casos só foron identificados nestes continentes, a OMS considerou “fundamental caracterizar esta síndrome e os factores de risco de padecelo, comprender as súas causas e definir intervencións para tratalo”. Traballo ao que agora contribúen os investigadores que asinan este novo estudo, de 23 hospitais de toda España –incluído o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUAC)–, a partir de datos de 47 Unidades de Coidados Intensivos Pediátricos (o 90 % do total en España) recollidos entre o 1 de marzo e o 15 de xuño de 2020.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

1 CJtT

Gripe, neumonía... as enfermedades de toda a vida, cambiarlle de nome, non quere dicir que haxa unha epidemia.

1 gjte

Tu se es máis bo.bo medras pra baixo.

2 Hsha

Que a estas alturas da película, aínda alguén dubide de que isto e unha pandemia...sen comentarios. E toda a cantidade de xente que esta morrendo? e que lle tocaba morrer ou que pasou? Home por favor un pouco de seriedade, e respeto poloa falecidos,que abondo temos xa con que se este intentando por parte das administracions vendernos a moto de que os xovenes non son vulnerables e nin se contaxian nin contaxian os demais, e os obligan a ir o colexio como se nada pasase.

3 Antibobos

Concordo co primeiro comentario. Morre a xente de sempre, cecais algunha máis polo envellecemento da poboación, o resto terrorismo informativo.

4 Sentidiño

Antibobo, vai ao MoMo. No período 10/03/2020 a 09/05/2020 a cifra de mortes de maiores de 74 en comparación con 2019 aumentou un 78%. https://momo.isciii.es/