Por Galicia Confidencial | O Pino-Touro | 04/12/2020 | Actualizada ás 08:25
A Plataforma Veciñal Mina O Pino-Touro Non denuncia nun escrito a aprobación por parte de Augas de Galicia da drenaxe de augas encoradas en balsas dentro dos terreos da antiga mina de cobre entre os concellos de O Pino e Touro. Dita aprobación levanta as protestas de veciños e veciñas ao seren coñecedores da alta concentración de metais pesados e outros materiais contaminantes. A Plataforma denuncia que a apertura das balsas da mina podería contaminar o río Ulla e a ría de Arousa.
Acusan á Xefatura Territorial de Economía e Industria da Coruña de non ter exposto e permitir a participación pública para a elaboración do proxecto. A plataforma veciñal lembra que o obxectivo de calquera plan de restauración é a “rehabilitación dos espazos mineiros degradados”. Por tanto, un tratamento do terreo afectado polas actividades mineiras, isto último para devolver o terreo a un estado “satisfactorio”.
Os veciños e veciñas implicadas na plataforma contraria á mina, sinalan que o obxectivo da empresa, Explotaciones Gallegas SL, non cumpre a “condición principal para a drenaxe por non existir plan de restauración ambiental”.
As consecuencias desta operación de drenaxe na mina de Touro serían, entre outras, a alteración ou eliminación de cauces naturais, en vez de restauralos. Tamén se menciona a instalación de plantas de tratamento das drenaxes ácedas e sulfuros das augas. Estas instalacións poden “causar ao medio natural e aos recursos hídricos danos de imposible ou difícil reparación”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.