O pallaso Peter Punk axudará a difundir o galego entre os cativos

A iniciativa comeza en Ribeira, chegará a 36 localidades desde xuño ata setembro e conta co apoio da Xunta.

Por GC Tendencias | Ribeiro | 08/06/2013 | Actualizada ás 00:04

Comparte esta noticia

Comeza unha nova actividade de promoción do uso do galego. Trátase do espectáculo de rúa “Peter Punk”, que os concellos anfitrións integrarán nos seus programas de festas locais para dinamizar a lingua galega de maneira lúdica entre a mocidade.

Peter Punk no Reperkusión 2013
Peter Punk no Reperkusión 2013 | Fonte: W.B.

“Peter Punk” desenvolve un espectáculo de rúa pensado para ampliar a oferta de ocio en lingua galega dirixida á mocidade durante as festas do verán do seu concello que se moverá por 36 municipios. O coñecido espectáculo ofrece novos diálogos e números para presentar o idioma propio de Galicia como parte esencial da vida cotiá dos galegos nun formato de novo circo no que se combinan as máis variadas técnicas circenses cun humor adaptado á realidade e á lingua galegas.

Este sábado, en Ribeira, ás 12:00 horas na Praza do Concello (ou na Biblioteca Municipal, en caso de choiva) haberá un pase no marco da programación “Xuño da cultura e das artes”.

O calendario íntegro de “Peter Punk” pódese consultar en http://www.xunta.es/linguagalega/peter_punk.

Lingua e música da man de ‘FalaRedes’

Peter Punk nunha presentación
Peter Punk nunha presentación

Amais desta nova actividade, a oferta de programación gratuíta destinada ao público familiar que impulsa a Secretaría Xeral de Política Lingüística para a RDL continúa cos concertos musicais “A nena e o grilo nun barquiño” e mais “Rosalía Pequeniña”, integrados en “FalaRedes 2013”, que chegan esta fin de semana durante o tempo de lecer aos concellos de Piñor, Abegondo e Dodro.

As dúas propostas coinciden en empregar a música como fonte de transmisión da lingua galega, achegándoa ao terreo dos afectos e promovendo que as cancións non só queden no teatro, senón que se poidan seguir cantando na casa, no coche ou na escola.

Toda a información sobre “FalaRedes” está dispoñible nesta web.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

1 Pardo de Cela

Está visto q iste é um pais de paiasos

1 XanKaraLlás

Dise "paLLasos".