A COVID aumenta o risco de exclusión social e pobreza de persoas e familias

As cifras sobre aumento da pobreza durante a pandemia non están totalmente elaboradas. Só pasados uns meses despois de acabar o 2020, coñeceranse os datos que quedan detrás de confinamentos, ERTES, EREs e peches de PEMES e autónomos. Non obstante, os datos sobre persoas con traballos “informais” poderían dispararse por non teren prestacións ou subsidios de desemprego.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 05/12/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A actual crise xerada pola COVID-19 derrubou os fráxiles equilibrios que conseguiran algunhas familias en estado de pobreza. As persoas en pobreza extrema viron como as dificultades, sobre todo burocráticas, se poñían costa arriba. Por último, os e as traballadoras acollidas a ERTES tamén viron caer as súas rendas medias, cousa que ocasionou descensos de consumo, dificultades para chegar a fin de mes e atrasos en pagamento de facturas. Non obstante, as cifras sobre a pobreza en 2020 en moitos casos son provisionais.

Pobreza infantil.
Pobreza infantil.

A SEGUNDA CAÍDA

Logo dos efectos da crise de 2008, dez anos despois había índices en España que melloraban con respecto a puntos como a pobreza severa, falta de fogar estable, falta de ingresos estables, etc. Eran datos fráxiles, a recuperación estaba dando os seus primeiros pasos e moitas persoas que pasaran por dificultades parecían ver o final do seu calvario.

A chegada da COVID-19 frustrou moitas esperanzas de recuperación tanto entre familias como persoas individuais. “Despois da crise de 2008 había algúns datos macroeconómicos que mostraban melloras” di Daniel Bóveda de EANP-Galicia. Moitas desas “melloras” foron a aparición de traballos en precario que “coa pandemia acabaron agravándose”.

A mediados de 2020 Caritas apuntaba cara un 30% o aumento da pobreza en España, un dato relacionado directamente coa pandemia. O efecto da crise económica actual só tardou semanas en arrastrar con el a millóns de persoas, sobre todo as que vivían unha situación de pobreza extrema. Este último colectivo é o que máis está padecendo os efectos da recesión, pois as cifras dobran as de colectivos menos afectados pola falta de recursos.

CIFRAS EN GALICIA

Segundo o indicador AROPE de 2019, en Galicia o 24.3% das persoas estaban en risco de pobreza ou de exclusión social en 2019. A porcentaxe era case un punto e medio superior á de 2018 e a tendencia cara 2020 era ascendente, xunto con outras autonomías como o País Vasco. O mesmo informe recollía que en 2018, últimos datos dos que se teñen coñecemento, a pobreza con carencia material severa tamén ía diminuíndo.

Outro informe, o de Cáritas sobre pobreza e exclusión social en Galicia, indica que en 2019, antes da pandemia, sobre o 17,5% da poboación total galega, 472.804 persoas, están dentro do abano da exclusión. Un 9.1% estaría dentro dunha exclusión moderada, mentres que o 8,4% estaría en exclusión severa. A irrupción do coronavirus fixo que, segundo o mesmo informe, dentro da diócese de Santiago, as demandas a esta ONG se incrementasen un 43% aproximadamente.

Así as cousas, as axudas sociais como a RISGA en Galicia ou as procedentes doutras entidades públicas, permitiron aliviar a situación de moitas familias. A aprobación do Ingreso Mínimo Vital desde o Goberno central, compatible con outras axudas, podería paliar en parte a situación de pobreza das familias e de persoas individuais. “Nós queremos que se complementen, buscar a cooperación entre as diferentes administracións” di Daniel Balboa.

Mais esa cooperación pode levar ao atranco das propias administracións, e iso leva a atrasos na percepción de axudas. “Coa pandemia os servizos das diferentes administracións están menos operativos” di Balboa. Isto reflíctese en atrasos para a concesión das axudas ante a chegada dun número elevado de peticións. En Galicia, das primeiras axudas que ofreceu a Xunta, recibíronse en escasos días máis de 17.000 peticións con 21 millóns de euros orzamentados.

Por último, está a fenda social que se vai abrindo cada vez máis segundo os diferentes indicadores sociais. “Temos que facer pedagoxía porque a maioría ve nas axudas sociais un gasto, nós falamos de investimentos para a cohesión social”. Os investimentos en cohesión social segundo EANP deberan ser un dereito para toda a sociedade.

Faltan datos, estudos e valoracións, mais todo indica que as cifras de pobreza serán elevadas dentro do 2020. A pandemia está deixando unha pegada moi forte dentro da sociedade, cunha parálise case absoluta na maioría dos sectores produtivos. Polo de agora, todos e todas miran cara Europa e os fondos que veñen dela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Estes son os datos a finais de outubro da tramitación do IMV https://twitter.com/00Gamela/status... Nunca vimos un atasco burocrático coma este, e polo tanto é un atasco interesado, especialmente porque sen aprobar os orzamentos era imposible facer fronte á situación económica creada polo peche total da economía durante todos estes meses ... Os datos se algún día os chegamos a coñecer van facer temblar o mundo das tertulias... Todo cristo está fiando a solución aos fondos europeos (?) pero calquera que xestionara algún proxecto europeo sabe da extema lentitude burocrática da UE antes de soltar un euro! Seica non ía quedar ninguén atrás...? xa imos vendo os resultados do slogan !

1 Moine

Viva o capitalismo!