A Xunta alega ante o Goberno central en contra de incrementar a protección do lobo en Galicia

Mostra a súa negativa a que sexa incluída nunha listaxe de especial conservación.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/12/2020 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, enviou unha carta este luns ao Ministerio para a Transición Ecolóxica na que remite un informe con alegacións en contra de incrementar a protección do lobo en Galicia. Así, o Goberno galego xustifica a súa negativa a que o lobo sexa incluído na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lesrpe), tal e como pretende o Ministerio.

Lobo Ibérico
Lobo Ibérico | Fonte: WWF.

En concreto, asegura que no caso de Galicia o último censo arroxa a presenza dunhas 90 mandas reprodutoras de lobo, polo que "en termos xerais mantense ou mesmo se experimentou un aumento nos últimos 15 anos".

Ademais, indica que a presenza desta especie é "ampla" ao chegar ao 72% do territorio galego, en especial nas provincias de Lugo e Ourense.

"Existe e probablemente siga existindo un hábitat de extensión suficiente para manter as súas poboacións a longo prazo", sostén este departamento.

Nesta liña, a Xunta acusa o Executivo central de "falta de diálogo" ao non ter en conta "a realidade non só de Galicia, senón de catro comunidades ao norte do río Douro".

Tamén lembra que a Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade é a que debe presentar este tipo de iniciativas e solicitudes, que tamén deben analizarse no seo do grupo de traballo sobre o lobo.

Por último, detalla que o Goberno galego destinou desde 2016 un total de 1,7 millóns de euros a axudas de compensación a produtores por danos ocasionados por esta especie.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta