A Xunta insiste en"blanquear" a historia de Meirás "que foi máis o pazo de dona Emilia que de Franco"

Propón un espazo para reivindicar a figura da escritora e os valores democráticos fronte aos "usos exercidos" polo ditador.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 11/12/2020 | Actualizada ás 13:35

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, volveu a apelar a pór en valor no pazo de Meirás o legado da escritora Emilia Pardo Bazán, aínda que "sen esquecer o seu pasado como residencia dun ditador", asegurou na presentación das 'Bases para o plan de usos das Torres de Meirás'.

Nunha comparecencia xunto ao secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na sede da Real Academia Galega (RAG) --onde se atopa o museo da escritora--, asegurou, ao explicar o contido do documento, que "para Galicia é máis interesante que sexa o pazo de dona Emilia que o pazo de Franco".

Da proposta autonómica, precisou que é un "documento de partida", que se presentará na próxima reunión coas administracións implicadas en definir os usos: o Goberno, a Deputación da Coruña e o Concello de Sada, ademais da Xunta. Por outra banda, trasladou a intención, por parte da administración galega, de escoitar a outras entidades sociais, institucións e académicos para solicitar as súas opinións, entre elas as de memoria histórica, segundo dixo ao ser preguntado en concreto por estas.

CATRO LIÑAS DE ACCIÓN

Das bases do citado plan, explicou que se centra en catro liñas de acción: valorización patrimonial e apertura do pazo, cun plan museolóxico con visitas guiadas e unha programación didáctica; o impulso dun centro cultural e artístico; o emprendimeento e a investigación, centrado na figura de Emilia Pardo Bazán e o fomento da igualdade, e a creación dun 'xardín da liberdade'.

Sobre as visitas, dixo que a súa proposta pasa porque sexa "un espazo para reivindicar a dona Emilia". "A promoción da cultura, a igualdade e os valores democráticos fronte aos usos exercidos por Franco", expuxo.

Así, preguntado se, de acordo coa súa proposta, unha maior porcentaxe estaría dedicado á escritora e en menor medida ao paso do ditador, Román Rodríguez rexeitou que sexa así. Cuestionado tamén se, no contido desas visitas, estaría tamén a forma na que Franco obtivo o pazo e as doazóns forzosas que, segundo declarou probado a sentenza, houbo, sinalou que a súa proposta non pasa por "ocultar nada".

"Hai que contar a historia do que pasou e o que non pasou, unha historia de luz e unha historia de sombras", insistiu o conselleiro. E é que, ao seu xuízo, é "de xustiza que as Torres retomen a esencia truncada polo franquismo", expuxo sobre o papel de Emilia Pardo Bazán. "E que sexa un faro da igualdade, da cultura e da democracia, sen esquecer a súa historia de residencia dun ditador".

O pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado. EUROPA PRESS/M.Dylan.POOL - Europa Press / Europa Press
O pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado. EUROPA PRESS/M.Dylan.POOL - Europa Press / Europa Press

OUTROS USOS

Respecto dos posibles usos como centro cultural e artístico, asegurou que as bases do plan da Administración autonómica expoñen residencias literarias vinculadas á creación no ámbito da muller.

En canto ao 'xardín da liberdade', aproveitando os espazos verdes de Meirás, o documento avoga por "unha reflexión da ditadura" e convertelo nun recordo aos represaliados, ademais de incidir no papel das mulleres na loita pola democracia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xesús Ateo Recalcitrante

Efectivamente, queren blanquear aos que son coma eles. Da vergoña ter a esa xente gobernando un país.