Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2020 | Actualizada ás 20:04
A Iniciativa Galega pola Memoria tacha de "sanguenta" que a Xunta trate de "utilizar" a figura de Emilia Pardo Bazán para "afastar" a memoria das vítimas do Pazo de Meirás, recentemente recuperado para o patrimonio do Estado.
A través dun comunicado, este colectivo ve no plan de usos presentado este venres polo Goberno galego "un novo intento de esconder os crimes franquistas" baixo o pretexto de "apoiar dúas causas tan loables como o feminismo e a literatura galega", polas que ademais "ata agora non mostrara demasiado interese".
A Iniciativa Galega pola Memoria, que engloba a diferentes asociacións memorialísticas de Galicia, cre que este plan esconde "un novo intento" do PP por "baleirar de significado" un espazo simbólico para a loita antifranquista galega "como xa fixera coa Illa de San Simón".
"Cando Núñez Feijóo chegou ao Goberno (en 2009), desmantelou o proxecto da 'Illa da Memoria' co pretexto de crear un espazo dedicado ao pensamento e mesmo á poesía, pero en realidade o que fixo foi converter o lazareto nun parque de atraccións onde se realiza calquera actividade salvo as desitnadas á memoria", afea.
Así, no que respecta ao pazo, Iniciativa Galega pola Memoria lamenta que a Xunta tente "anular a evidente relación" de Meirás "coa loita do pobo galego" pola memoria histórica.
Neste contexto, o colectivo entende que "a mellor homenaxe" á escritora é, precisamente, "denunciar un réxime patriarcal e aniquilador dos dereitos das mulleres como foi o franquista" e "condenar un golpe de estado que volveu relegar ás mulleres ao papel de nais e esposas cando precisamente estaban a empezar a adquirir dereitos como cidadás".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.