Por Galicia Confidencial | Cabana | 17/06/2013 | Actualizada ás 11:19
A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños e a Asociación de Veciños de Cereo veñen de presentar alegacións ao permiso de investigación Julia 2 que afecta aos termos municipais de Carballo, Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso, na provincia de A Coruña, para a investigación de ouro, afíns e outros recursos da sección C. E máis de 2.200 veciños apoiaron coas súas sinaturas esta medida.
As alegacións fundaméntanse na lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, no Decreto 80/2000 polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal e na lei 9/2002 do solo de Galicia, que veñen a establecer que no solo rústico de protección están prohibidas as actuacións que sexan incompatibles cos seus valores ecolóxicos, medioambientais, paisaxísticos, históricos, etnográficos, culturais ou calquera outro valor que sexa obxecto da protección outorgada, ou coas proteccións que resulten doutra lexislación sectorial de aplicación.
En consecuencia, e dado que o proxecto mineiro de Corcoesto e o permiso de investigación Julia 2, afectan a terreos cualificados urbanísticamente como de especial protección agrícola e forestal, solicitan que se declare a incompatibilidade destas actuacións cos usos actuais e potenciais do solo das áreas afectadas.
Apoiadas en informes técnicos
Para iso as alegacións apóianse en informes técnicos subscritos por enxeñeiros agrícolas e forestais que acreditan a elevada aptitude e capacidade produtiva agrícola, gandeira e forestal dos terreos afectados polas concesións mineiras. No caso de Coristanco, incídese ademais, en que os terreos afectados pola concesión Julia 2 están incluidos na subzona de Bergantiños da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia. Polo tanto, o proxecto mineiro e as actividades de investigación que se autoricen en Julia 2 van comprometer seriamente o desenvolvemento futuro desta actividade agraria de produción de pataca da variedade Kenebec, que goza de gran recoñecemento a nivel nacional pola súa calidade e orixe.
Nas alegacións tamén se fai referencia a que a explotación do proxecto mineiro de Corcoesto e das concesións mineiras adxacentes, afectará de xeito irreversible a unhas 1.260 explotacións agrícolas e gandeiras en activo que dan traballo a unhas 1.350 persoas, o que sumado aos traballadores do sector forestal, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, supón uns 3.000 empregos vinculados ao sector primario da zona.
Por todo o anterior, solicitan á Xunta de Galicia que se declare ás parroquias afectadas polo permiso de investigación Julia 2 e polo proxecto mineiro, áreas obxecto de especial protección no Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia. Solicitan tamén a denegación do permiso de investigación Julia 2, a anulación das cuadrículas mineiras que o conforman, así como a nulidade de pleno dereito da Declaración de Impacto Ambiental do proxecto mineiro, por non ter avaliado o impacto socioeconómico do mesmo sobre as actividades agrícolas, gandeiras e forestais, ao que se suma o feito de que agora vén de coñecerse que a empresa mineira pretende tratar na planta de Corcoesto, mineral doutras zonas de Galicia do cinto Malpica - Tui.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.