Galicia aposta polo almacenamento de enerxía hidráulica coas centrais reversibles

As centrais reversibles, que combinan dous encoros a diferente altura para producir e almacenar enerxía, perfílanse como unha solución estratéxica para integrar máis renovables na rede e reducir a dependencia de combustibles fósiles, nun territorio que xa lidera a produción hidráulica.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 28/06/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia leva décadas aproveitando os seus ríos para xerar electricidade. A súa orografía e hidrografía fan da comunidade un dos territorios con maior potencial hidroeléctrico de España. Esta capacidade, desenvolvida sobre todo dende mediados do século XX, consolidou a enerxía hidráulica coma unha fonte renovable, flexible e de grande importancia para a estabilidade do sistema eléctrico. Na actualidade, ante o incremento da produción renovable e a necesidade de garantir unha subministración constante, emerxe unha nova prioridade: o almacenamento. Neste contexto, as centrais hidráulicas reversibles --tamén coñecidas como centrais de bombeo-- postúlanse coma unha solución clave para dar resposta aos desafíos que o novo modelo enerxético expón de cara ao futuro, e xa no presente.

Central hidráulica de Frieira
Central hidráulica de Frieira | Fonte: GC

Pero, para entender como funciona unha central hidráulica reversible, é importante entender primeiro como funciona unha central hidroeléctrica convencional. Un exemplo deste tipo de centrais é o de Frieira, central cunha potencia instalada de entre 147 e 160 megavatios (MW) e alimentada por un encoro cunha superficie de 466 hectáreas e unha capacidade total de 44 hectómetros cúbicos de auga embalsada. "Unha central hidroeléctrica é, basicamente, unha máquina que aproveita a forza da auga para accionar unhas turbinas que xeran electricidade", explican a Galicia Confidencial dende o equipo técnico de Naturgy. "O que se fai, a grosso modo, é situar un obstáculo nunha masa de auga", detallan. O obstáculo é "unha barreira de formigón que sobe a cota augas arriba, provocando así que haxa máis enerxía potencial cando se produza a súa liberación".

COMO FUNCIONA UNHA CENTRAL HIDRÁULICA CONVENCIONAL

Dende o punto de vista mecánico, a produción de enerxía nunha central hidráulica parte de grupos principais compostos por unha turbina --que converte a enerxía da auga en enerxía mecánica-- e un xerador --que converte esa enerxía mecánica en electricidade--. O funcionamento destes grandes grupos é o seguinte: a auga entra por unhas reixas, descende por condutos subterráneos e acciona unha turbina tipo Kaplan --semellante a unha hélice dun barco e deseñada especialmente para funcionar con grandes caudais de auga e saltos de altura baixos--, cuxo eixo está acoplado a un alternador que xera electricidade. Despois, a auga sae pola parte baixa do río. "Todo ese percorrido está deseñado para ser eficiente e seguro", indican os técnicos. Pero estes grandes grupos funcionando de maneira ininterrompida, pois poden deterse e deixar de producir electricidade debido, entre outras cousas, á baixa demanda eléctrica, a condicións hidrolóxicas pouco óptimas, á necesidade de mantemento técnico ou porque así o prevé a xestión programada da produción.

Para esas situacións, a infraestrutura dos encoros tamén inclúe comportas para regular o caudal ecolóxico, imprescindibles para manter un mínimo de auga aguas abaixo e que non se deteriore o ecosistema do río. E, no caso de que se produza o fenómeno coñecido como 'enchente', cando o caudal do río supera de maneira significativa e inesperada a capacidade de turbinado da central hidráulica, as comportas do encoro ábrense para deixar pasar a auga e evitar así que as sobrepresións poidan derivar en consecuencias fatais: rotura da presa ou inundacións repentinas augas abaixo en núcleos agrícolas ou de poboación. Isto pode pasar por moitos motivos, entre os que se atopan: choivas intensas e continuadas ou treboadas e borrascas moi activas, que cada vez estanse vendo máis en Galicia con motivo do cambio climático.

Proxección do encoro da central hidroeléctrica de Filgueira
Proxección do encoro da central hidroeléctrica de Filgueira | Fonte: GC

AS CENTRAIS REVERSIBLES: SOLUCIÓN PARA ALMACENAR ENERXÍA RENOVABLE

Ao contrario que unha central convencional, unha central hidráulica reversible está deseñada non só para xerar electricidade, senón tamén para almacenala. O seu funcionamento baséase na existencia de dous encoros situados a distinta altura: un superior e outro inferior. A central pode funcionar en dúas direccións, segundo as necesidades do sistema: en modo xeración, de maneira que cando se precisa enerxía a auga do encoro superior libérase cara o encoro inferior facendo xirar turbinas que producen electricidade; e en modo bombeo, de maneira que cando hai un excedente na produción de enerxía renovable --por exemplo, de enerxía eólica en horas de moito vento ou fotovoltaica en horas de moito sol--, se utilice esa electricidade sobrante para bombear auga dende o encoro inferior ata o superior. Dese xeito, as centrais reversibles funcionan como grandes baterías naturais, capaces de almacenar enerxía e liberala nos momentos de maior consumo ou cando outras fontes renovables non están dispoñibles.

"Deste xeito poderiamos almacenar enerxía renovable e empregala cando máis se precisa, especialmente nos picos nocturnos de consumo --cando as renovables non están funcionando ou estano facendo á mínima potencia--", resaltan os técnicos, poñendo de manifesto a importancia de "evitar ter que recorrer a ciclos combinados ou enerxía fósil, pois son fontes contaminantes". As centrais hidráulicas reversibles poderían cubrir esa necesidade de respaldo en horas puntas de alta demanda de maneira renovable. Trátase dunha enerxía madura, xa empregada en países como Alemaña, Suíza ou Estados Unidos, e que destaca pola súa capacidade de resposta rápida e pola súa fiabilidade. En Galicia existen proxectos en desenvolvemento para incorporar este tipo de infraestrutura, aproveitando encoros existentes como base inferior e creando novos depósitos en altura, cun deseño subterráneo da 'sala de máquinas' que minimice o impacto visual e ambiental.

GALICIA, TERRITORIO CUN POTENCIAL SINGULAR PARA A ENERXÍA HIDRÁULICA

A configuración hidrográfica de Galicia, con ríos caudalosos e zonas de gran desnivel, converte á comunidade galega nun territorio especialmente favorable para o desenvolvemento de proxectos hidráulicos convencionais e reversibles. De feito, unha parte moi significativa da enerxía hidroeléctrica que se produce a nivel estatal procede desta comunidade. No caso de Naturgy, por exemplo, o 88 % da enerxía hidroeléctrica a nivel nacional que produce provén da nosa comunidade e, na súa maioría, da provincia de Ourense. "A confluencia do Miño e o Sil fai que esta zona teña unha capacidade de produción envexable", sinalan. Tamén cómpre engadir que a hidráulica é unha tecnoloxía madura, probada, flexible e axustable a tempos de descarga longos que permite afrontar diversos rexímenes de explotación (horario, diario, semanal ou mesmo estacional).

Ademais, as centrais hidráulicas non só aportan enerxía, senón que tamén dan estabilidade á rede eléctrica. "As centrais hidráulicas son quen de arrincar en caso de apagón (black start), de regular a frecuencia e tensión da rede, e de actuar como reserva de xiro", detallan. Por iso, en momentos críticos, como o apagamento sufrido recentemente en España, estas centrais foron as primeiras en poder reactivar o sistema. Na mesma liña, as centrais hidroeléctricas reversibles tamén contribuirían á operación flexible e segura do sistema eléctrico, principalmente pola súa inercia mecánica e pola súa aportación aos servizos de axuste. Por todo, o almacenamento de enerxía mediante centrais hidroeléctricas reversibles é clave para a explotación dun sistema eléctrico baseado na produción renovable.

MÁIS ALÓ DA XERACIÓN: OS ENCOROS COMO INFRAESTRUTURA MULTIFUNCIONAL

E, aínda que moitas veces non se teña en conta, os encoros cumpren con outras funcións máis aló da produción de enerxía eléctrica. Así, por unha banda, actúan como filtros naturais, detendo gran cantidade de residuos que arrastra o río: ramallos, pólas, troncos, plásticos ou lixo flotante que, doutro xeito, remataría río abaixo ou en acumulado en zonas sensibles. Este é un servicio silencioso, pero fundamental para o mantemento do ecosistema e a limpeza do cauce, o que tamén evita danos en infraestruturas augas abaixo e facilita os labores de mantemento e protección ambiental. Por outra banda, o encoro como infraestrutura segura tamén é clave para facer fronte ao cambio climático. "En eventos de choiva extrema, cada vez máis frecuentes, estas centrais laminan as enchentes e evitan que as subas do caudal augas abaixo sexan bruscas", explican. "Cando sabemos que vai vir unha borrasca, baixamos o nivel do encoro de maneira anticipada para amotiguar o impacto", exemplifican.

Así mesmo, os encoros tamén cumpren cunha función esencial na loita contra os lumes forestais. "Os helicópteros poden coller directamente a auga embalsada nos encoros e, no caso das centrais reversibles, ter unha balsa en altura aínda lles facilita máis esa recollida de auga, pois non teñen que facer tantas manobras para descender acusadamente ata o nivel do río, podendo aprovisionarse de auga en altura", resaltan os técnicos. Ademais, en moitas zonas, os encoros tamén contribúen de maneira indirecta ao desenvolvemento turístico e recreativo. "Aínda que a nosa prioridade é operativa e ambiental, ben é certo que é frecuente que os encoros rematen atraendo actividades como sendeirismo, rutas de natureza ou paseos en barco e canoa", sinalan. O acceso a masas de auga máis tranquilas e as paisaxes naturais, xunto á infraestrutura asociada (miradores e camiños) abren oportunidades para o turismo, un motor económico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta