O Sergas presentou o calendario das OPE de 2021 e os exames das 996 prazas de médico serán tras o verán

En concreto, no ano 2021 está prevista a realización dos exercicios da fase de oposición para cubrir un total de 1.320 prazas correspondentes a 49 categorías. Estas probas aglutinan convocatorias doutros exercicios coas de 2020.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2020 | Actualizada ás 20:10

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde presentou ás organizacións sindicais representadas en mesa sectorial o calendario dos próximos exames de oferta pública de emprego (OPE) no ámbito sanitario que se celebrarán en 2021 e que aglutina convocatorias pendentes doutros exercicios coas de 2020.

A reunión tivo lugar na pasada xornada e, segundo ratifica Sanidade, sumáronse ás 490 prazas de persoal licenciado sanitario convocadas en decembro do pasado ano un total de 506 novas prazas derivadas da oferta de emprego público do ano 2020, recentemente aprobada polo Consello da Xunta. En total, alcánzanse un total de 996 prazas para persoal médico.

As bases, estrutura do proceso (concurso-oposición), temarios, exercicios, baremos, procedemento e prazos de acreditación de méritos serán os aprobados pola resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 13 de decembro de 2019, de convocatoria do proceso, que non se verá modificada en ningún aspecto, excepto no incremento do número de prazas convocadas.

Está previsto que a publicación desta ampliación no Diario Oficial de Galicia (DOG) se efectúe de forma inmediata. Tras publicarse, reabrirase o prazo de inscrición para a presentación de solicitudes e o cambio de quenda de participación dos aspirantes inscritos que así o desexen.

Na mesma reunión informouse da publicación no mes de xaneiro próximo das convocatorias de concurso-oposición das categorías de telefonista, así como de pinche e técnico en farmacia, estas últimas para o acceso a prazas reservadas a persoas que acrediten unha discapacidade intelectual.

Así mesmo, no primeiro trimestre do próximo ano procederase á convocatoria das probas selectivas para o acceso ás categorías de calefactor, condutor, costurero, electricista, fontaneiro, lavandero, mecánico, planchador, persoal informático e de traballo social.

Con relación aos procesos actualmente en tramitación, que suporán un total de 1.492 profesionais das categorías de médico de familia, odontólogo e pediatra de atención primaria, persoal especialista de enfermaría, fisioterapeuta, técnico en coidados auxiliares de enfermaría e persoal de servizos xerais, prevese a súa resolución definitiva no primeiro cuadrimestre de 2021.

CALENDARIO DE EXAMES

En concreto, no ano 2021 está prevista a realización dos exercicios da fase de oposición para cubrir un total de 1.320 prazas correspondentes a 49 categorías. Así, está previsto que no primeiro trimestre se realicen os exercicios da fase de oposición para cubrir 9 prazas de persoal de servizos xerais, pola quenda de discapacidade intelectual.

No segundo semestre de 2021, despois do verán, realizaranse os exercicios para cubrir 996 prazas de 42 categorías de persoal licenciado sanitario, das cales 892 corresponden a 39 especialidades de facultativo de área, 89 a médico de urxencias hospitalarias, 10 a médico asistencial do 061 e cinco a médico de admisión e documentación clínica.

Así mesmo, desenvolveranse os exercicios para cubrir 324 prazas de técnico sanitario das especialidades de farmacia, laboratorio de diagnóstico clínico, imaxe para o diagnóstico, hixiene bucodental, anatomía patolóxica e citología e radioterapia.

PROTOCOLO DE SEGURIDADE

Para a realización de tales probas nas máximas condicións de seguridade no actual contexto de crise sanitaria, está a elaborarse pola Dirección Xeral de Recursos Humanos un protocolo de actuación covid para os procesos selectivos do Servizo Galego de Saúde.

Entre outras medidas, contempla o acceso dos aspirantes ao lugar de realización das probas a través de código QR, a inscrición dos datos identificativos da folla de resposta por parte do propio aspirante ou a posta a disposición deste, a través de Fides/expedient-e do certificado de asistencia ás probas selectivas.

A Xunta sostén que todas estas medidas contribuirán "a unha maior axilidade" no desenvolvemento dos exercicios e a "unha redución" dos contactos sociais.

Participantes nas probas de oposicións no recinto feiral de Silleda. XUNTA - Arquivo
Participantes nas probas de oposicións no recinto feiral de Silleda. XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta