Rías Baixas busca ser o primeiro territorio intelixente certificado

Ese é o principal obxectivo que se marca a Deputación de Pontevedra para o 2021. Haberá mesas de traballo en xaneiro de dixitalización e sustentabilidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2020 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este venres en rolda de prensa o avance da fase de diagnóstico na que se atopa o Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2021-23.

A Deputación de Pontevedra pretende que este Plan, concibido como un "documento marco", permita non só fortalecer as liñas estratéxicas senón tamén traballar para converter ás Rías Baixas no primeiro territorio intelixente certificado.

"As administracións públicas temos que ter todo organizado para que, unha vez que cheguen as vacinas e haxa inmunidade suficiente para poder recibir a un número relevante de visitantes, teñamos un turismo aínda máis avanzado", dixo a presidenta en rolda de prensa. "Queremos ser o primeiro destino intelixente certificado: somos así de ambiciosas", sinalou.

Carmela Silva destacou a "forte aposta" que fai este plan pola "dixitalización" e por converter á provincia nun "destino intelixente" buscando a "creación de riqueza". Persegue o impulso a todo o conxunto do "ecosistema turístico" a un modelo de "crecemento sustentable" conforme ás directrices da Axenda 2030, baseada nos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable marcados pola Organización das Nacións Unidas (ONU).

INNOVACIÓN

A mandataria provincial sinalou que "desde Rías Baixas se ten moi claro que a transformación dixital do sector turístico é unha enorme oportunidade para toda a provincia", que poderá atraer "moitos recursos do Goberno do Estado e da Unión Europea", aínda que para iso haberá que enfrontarse a "grandes retos" para "ofrecer ás persoas viaxeiras hiperconectadas do século XXI experiencias óptimas".

Os obxectivos do novo plan, segundo se resume desta fase de diagnóstico, son o desenvolvemento dun acervo metodolóxico adaptado á necesidade e características do sector turístico. Tamén o fortalecemento da capacidade institucional en todos os niveis administrativos.

Ademais búscase reducir a fenda dixital e a desigualdade de adopción tecnolóxica no territorio, tanto no ámbito público como no privado. "Queremos ademais consolidar esquemas colaborativos público-privados baseados na innovación e no protagonismo do Big Data", engadiu a presidenta da Deputación.

Outros obxectivos son a "interoperabilidade das solucións tecnolóxicas" en todo o territorio, mentres o orzamento "está pensado para converxer co plan de financiamento europeo e tamén co plan de recuperación". Finalmente este Plan pretende a maximización do valor da marca "Rías Baixas".

Np Depo Plan Estratéxico De Turismo. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Np Depo Plan Estratéxico De Turismo. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta