O Parlamento, co apoio de PP e BNG, chama o Goberno a "corrixir" o estatuto electrointensivo

Pide aumentar compensacións por CO2 e abaratar prezos para aumentar a competitividade da industria

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2020 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

O Parlamento galego instou á Xunta este mércores a que se dirixa ao Goberno central co fin de corrixir o recentemente aprobado estatuto para as empresas electrointensivas, de forma que inclúa as alegacións realizadas polo sector e o Executivo autonómico de carra a gañar competitividade fronte a países como Francia e Alemaña.

Este acordo saíu adiante tras unha proposta do PPdeG transaccionada co Bloque. O PSdeG abstívose. Entre outras cuestións, esta proposición non de lei demanda completar as compensacións por CO2 ata o máximo permitido pola UE, eliminar o imposto de xeración ao 7%, analizar a posibilidade de modificar peaxes eléctricas para abaratar prezos, así como convocar poxas de interrumpibilidade mentres non se implementan os mecanismos que substitúen este sistema. Tamén se require revisar a consideración de industria electrointensiva para recoller o carácter altamente dependente da enerxía do tecido galego.

No pleno do Parlamento, a deputada do PPdeG Elena Candia comezou a súa intervención cunha referencia á "boa noticia" que supón a sentenza que anula o ERE de Alcoa San Cibrao. Apela á empresa a "recapacitar e volver á senda do diálogo" para a venda da planta. Así mesmo, Candia censurou que o estatuto "chega tarde" e "é claramente insuficiente", posto que os grandes consumidores de enerxía "non atopan resposta" ás súas necesidades para manter a competitividade con outros países europeos.

Deste xeito, avisa de que o Goberno "debe rectificar" esta política enerxética coa que "está a dar as costas" a moitas familias.

POSTURA DO BNG E PSDEG

Pola súa banda, a deputada do BNG Noa Presas indica que a sentenza do ERE de Alcoa supón un "balón de osíxeno", polo que "é unha oportunidade para aproveitar". O feito é que "Alcoa non quere vender", de maneira que "é hora de que a Xunta e o Goberno do Estado" aposten pola intervención. Así mesmo, a deputada nacionalista reprochou que este estatuto "non é unha cuestión pola que pode vir o PSOE aquí a colgar ningunha medalla polo traballo do Goberno central", dado que "chega tarde, chega mal e é decepcionante".

O deputado do PSdeG Martín Seco lamentou que "antes a acusación era que non se ía a sacar o estatuto" e "agora" din que "é insuficiente". Respecto diso, o socialista achaca que esta iniciativa dos populares se debe á "mala conciencia" por unha sentenza "histórica" con apoio da Avogacía do Estado. "Non saben como encaixala dentro da súa estratexia", apunta, por "aquela cantinela de que Alcoa pechaba" pola falta de estatuto.

Elena Candia no pleno do Parlamento. PP
Elena Candia no pleno do Parlamento. PP | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta