Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2020 | Actualizada ás 18:39
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, garantiu a protección ante a pandemia da covid-19 dos técnicos de emerxencias sanitarias do transporte terrestre, "ao mesmo nivel" que os profesionais sanitarios. "Sabe que está a faltar á verdade", respondeulle a deputada do BNG Montse Prado. No pleno do Parlamento, Prado advertiu de que "non é un tema puntual" xa que "chove sobre mollado" e "é constante a desprotección" destes técnicos. "Rectifique e tome medidas", aseverou.
Na súa intervención, o conselleiro precisou que "a PCR non é a única ferramenta diagnóstica" do Sergas e a que se usou "preferentemente" para este persoal foi, segundo dixo, o test de anticorpos. Neste sentido, apuntou a "dous cribados que o Sergas fixo aos seus profesionais" e insistiu en que a Xunta "segue cumprindo o protocolo". "Este goberno nin se esquece nin se esquecerá da protección dos nosos profesionais nin cos técnicos nin cos profesionais sanitarios", resolveu.
VALDEORRAS
A continuación, tamén no pleno, a deputada do Bloque María González pediu unha explicación ao "déficit de facultativos de radiodiagnóstico" en Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, en especial neste último.
García Comesaña aludiu á "blindaxe" dos hospitais comarcais, que permite, na súa opinión, que "dificultades como estas de falta de profesionais" se xestionen "desde os hospitais de referencia".
Ademais, avanzou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará "nos próximos días" a oferta de contratos de longa duración a especialistas de Radioloxía e Traumatoloxía para o Hospital de Valdeorras, ata que se resolva a oferta pública de emprego en curso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.