Sete novos contaxios nunha residencia de Ribadeo elevan a 138 os casos de covid-19 en xeriátricos galegos

O centro máis afectado é a residencia DomusVi de Vimianzo, que conta con 57 casos activos entre os seus usuarios.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/01/2021 | Actualizada ás 13:02

Comparte esta noticia

Sete novos contaxios de usuarios da residencia Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro da localidade luguesa de Ribadeo elevaron o total de casos en xeriátricos galegos a 138, catro máis que na xornada anterior. Así figura no parte da Consellería de Política Social remitido aos medios este domingo con datos sobre o impacto da pandemia en centros de maiores.

Un ancián permanece dentro dunha ambulancia tras ser trasladado da residencia de anciáns de San Cibrao onde se orixinou un brote de Covid-19
Un ancián permanece dentro dunha ambulancia tras ser trasladado da residencia de anciáns de San Cibrao onde se orixinou un brote de Covid-19 | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Deste xeito, a administración contabiliza sete novos positivos, todos de usuarios da citada residencia de Ribadeo; así como tres altas rexistradas nos centros San Salvador de Guntín, San Bartolomeu de Xove e A Saleta de San Cristovo de Cea.

Estas novidades deixan o cómputo global de casos de covid-19 en xeriátricos nun total de 138. O centro máis afectado é a residencia DomusVi de Vimianzo, que conta con 57 casos activos entre os seus usuarios.

En segundo lugar atópase desde este domingo a residencia Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo, que contabiliza 19 casos. Séguelle a residencia Moledo de Vigo, con 15; e a San Bartolomeu de Xove, con 14.

Con oito usuarios afectados están a Santa Teresa Jornet da Coruña, con seis o CRAPD Vigo II, e A Saleta, de San Cristovo de Cea, con cinco. A residencia Monte Tecla da Guarda rexistra catro maiores enfermos, mentres que a Vila do Conde e a DomusVi Vigo teñen dúas cada unha.

Finalmente, hai un maior afectado en cada unha das seguintes residencias: Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, Servisenior Brión, Covelo, apartamentos tutelados San Bartolomeu e residencia Pontevedra de Vilaboa.

TRABALLADORES CONTAXIADOS

Por outra banda, a cifra de traballadores de xeriátricos contaxiados baixa este domingo a 100, tres menos que o día previo. E é que nas últimas horas producíronse seis altas por tres positivos.

Destes últimos, dous corresponden ao Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo e un á residencia 3ª Idade Moledo de Vigo. Pola súa banda, as altas son de empregados da Saleta de San Cristovo de Cea (2), DoralResidencias de Mos, Virxe de Guadalupe de Mos e DomusVi Noia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta