Unha iniciativa facilita o reencontro familiar a pacientes Covid ingresados

A USC pretende loitar contra a "demoledora" soidade das persoas hospitalizadas co virus.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2021 | Actualizada ás 19:41

Comparte esta noticia

A Cátedra de Cronicidade da Universidade de Santiago de Compostela (USC) traballa desde hai varios meses nun proxecto de humanización e voluntariado para facilitar o reencontro familiar a pacientes afectados por covid-19. 'Higea', deusa da saúde e a hixiene na mitoloxía grega, é a que dá nome a esta iniciativa xurdida da necesidade de poñer en contacto a familiares e pacientes que, ben pola súa fraxilidade, idade, dependencia ou situación clínica, non poden comunicarse a diario.

Sanitaria nunha UCI, hospital, sanidade, covid
Sanitaria nunha UCI, hospital, sanidade, covid | Fonte: EFE

Co apoio do Sergas (Servizo Galego de Saúde) e a participación de estudantes das facultades de Medicina e Enfermaría, a iniciativa desenvólvese nas tres plantas de covid do Hospital Clínico de Santiago de Compostela e atendeu xa a unha trintena de familias, aínda que a previsión é estendelo a todos os hospitais da rede pública de Galicia.

"A idea é establecer unha canle segura sanitaria e humanamente para así tamén descargar os profesionais sanitarios dese labor de ponte que moitas veces realizan por propia vocación pero demasiadas veces sen os medios e o tempo precisos", indican fontes da Universidade compostelá.

Esta comunicación é fundamental, engaden, "porque a ausencia de contacto provoca unha situación demoledora para o ánimo de enfermos e familiares", o que incide, como apuntan os especialistas, nunha peor recuperación dos enfermos e nunha maior preocupación dos familiares, unha situación que se agrava nos casos de pacientes maiores e/ou con enfermidades crónicas que aumentan o risco.

O voluntariado terá como cometido facilitar a conexión dos enfermos coas súas familias nunha contorna de calidez e proximidade, utilizando un soporte que permita a comunicación entre pacientes e familiares -por vídeo chamada telefónica ou enviando mensaxes de voz-, así como audios e vídeos no caso de que o horario do servizo non permita a comunicación coas familias.

Na experiencia piloto, que incluíu o período do Nadal, testáronse as necesidades do programa e dos usuarios, e o seu traballo permitiu ata agora a comunicación dos pacientes e as familias, establecendo como idóneo dúas horas diarias dunha maneira regulada, establecéndose quendas para minimizar a permanencia nas plantas covid.

Cada chamada adoita ter unha duración máxima de dez minutos por paciente, podendo variar dependendo do número deles que cumpran o perfil ao que vai destinado o programa. As comunicacións comezan ás 17:15 horas e finalizan ás 19:15 horas. Inicialmente, o programa 'Higea' habilitouse para 20 prazas de voluntarios, aínda que dado o interese que está a espertar o proxecto, prevense novas convocatorias, polo que a inscrición segue aberta e formaranse periodicamente aos novos grupos. EFE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta