O alcalde das Pontes acusa a Endesa de emitir "falsidades" e que o peche da central "non os colle por sorpresa"

A preguntas dos medios sobre se España está preparada para poder suplir a falta de centrais térmicas en momentos de máxima demanda enerxética, González Formoso trasladou que "a estratexia enerxética deste país necesita un baño de realidade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2021 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

O alcalde das Pontes de García Rodríguez, Valentín González Formoso (PSOE), asegurou que a intención de Endesa de pechar a central térmica desta localidade "non os colle por sorpresa" e acusa á empresa, cuxo informe ve "cheo de falsidades", de "non querer realizar unhas probas que ao final tivo que facer pola presión do Goberno central, da Xunta, do Concello e da cidadanía".

"Durante un ano percibimos multitude de sinais por parte da empresa de que nos estaba tratando de tomar o pelo", afirmou González Formoso, que sostén que "non quería deixar chegar a unha porción importante de substitución do carbón por biocombustibles, ademais do traslado do persoal a outros centros de traballo antes de saber se a central era viable ou non". "Co cal todo isto non nos colle por sorpresa", incide.

O rexedor socialista, que entende que unha "empresa privada tome as súas decisións" aínda que "non as comparta", criticou que tente "enganar á sociedade á que tanto debe". "Non é necesario enganar á sociedade cun informe cheo de falsidades que o único fai é enfadar a todas as administracións e á propia sociedade, que percibe desde hai tempo que o compromiso de Endesa coas Pontes e con Galicia resúmese a un futuro plan eólico de centos parques que estarán nas proximidades do lugar onde está a facer tanto dano", sostivo.

ESTRATEXIA ENERXÉTICA

A preguntas dos medios sobre se España está preparada para poder suplir a falta de centrais térmicas en momentos de máxima demanda enerxética, González Formoso trasladou que "a estratexia enerxética deste país necesita un baño de realidade".

Segundo indicou, o temporal Filomena demostrou que as centrais de carbón son necesarias e que o van a seguir sendo unha vez que se poida acometer a súa transformación, con biocombustibles, facéndoas sustentables ambientalmente.

Nesta liña, sinala tamén que a dependencia do gas exterior, de Rusia, Alxeria ou os países árabes fai a España "un país máis dependente", "máis débil e moi atrevido nas súas decisións enerxéticas". "Leva que poida ocorrer un apagamento perfectamente e que será cando nos acordemos destas centrais estables, moi garantistas e que tanto levan achegado ao sistema eléctrico nacional", sentenciou.

PP LOCAL

Nun comunicado remitido aos medios, o portavoz do PP das Pontes, Javier Acosta, rexeitou a "decisión unilateral" de Endesa de pechar a planta e "deixar tirados por centos de traballadores e de familias que viven ao redor da actividade que xera a planta".

Os populares censuran que a compañía adopte esta postura sen explotar outro tipo de alternativas e sen ter en conta, dixo Acosta, ao resto de integrantes que forman parte da mesa de traballo que busca desde hai meses soluciones para a complicada situación industiral que vive a comarca.

"Estamos ante unha situación intolerable. Non se pode consentir que despois de décadas nas que a empresa se aproveitou de todos os traballadores que achegaron o seu gran de area, agora os deixe tirados sen ningún tipo de alternativa", sostén.

EMPRESARIOS DE FERROL

Por outra banda, o presidente da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal, Cristóbal Dobarro, cualifica o anunciado peche da planta de Endesa nas Pontes como "un fito máis na desindustrialización da comarca", unha situación que lamenta, aínda que recoñece que non resulta unha sorpresa.

Dobarro insiste en que o Goberno central debería planificar doutro xeito a transición ecolóxica a medio prazo, de forma que as empresas da comarca, que están a sufrir un duro golpe, puidesen adaptarse á nova realidade. Neste sentido, lembrou que Endesa foi instalada nas Pontes polo Estado e que por tanto o Estado "non pode deixar desasistida a toda a poboación desta zona".

Desde "o respecto ás decisións empresariais de Endesa", o presidente de COFER expresou o seu desexo de que a compañía siga apostando por Ferrol, Eume e Ortegal e puxo á Confederación á súa disposición para colaborar na procura de iniciativas para que continúe e mesmo intensifique a súa presenza nas comarcas.

Concentración de traballadores de auxiliares da térmica das Pontes.
Concentración de traballadores de auxiliares da térmica das Pontes. | Fonte: Europa Press

UGT PIDE AO GOBERNO UNHA MESA DE TRABALLO

A Federación de Industria, Construción e Agro (FICA) de UGT rexeitou o anuncio realizado por Endesa de proceder ao peche da central térmica das Pontes, e urxiu ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a que convoque a mesa de traballo para tratar o futuro da planta.

Nun comunicado, UGT lamenta a decisión adoptada pola enerxética e considera que "non esperou a contar cunha solución consensuada que garanta o futuro industrial da planta, faltando ao compromiso adoptado cos sindicatos, cos traballadores, e coas distintas administracións públicas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta