Os empresarios galegos buscan no seu novo presidente o camiño á reconstrución tras anos de leas internas

O vigués Juan Vieites, confirmado como presidente tras recibir o 89% dos apoios. Era o único candidato á presidencia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/01/2021 | Actualizada ás 13:02

Comparte esta noticia

O vigués Juan Vieites foi elixido como novo presidente da Confederación de empresarios de Galicia (CEG) co apoio do 88,9% dos votos emitidos. A súa era a única candidatura que se sometía a un proceso que empezou este luns co voto delegado e o martes co telemático. Este xoves tivo lugar a asemblea electoral co voto presencial. En total, de 178 vogais de acordo cos últimos datos do censo facilitados pola confederación, emitiron o seu sufraxio 162 persoas, deles 144 a favor, seis en contra e 12 en branco.

O secretario xeral da patronal nacional da conserva Anfaco-Cecopesca, Juan Vieites. Carlos Castro - Europa Press
O secretario xeral da patronal nacional da conserva Anfaco-Cecopesca, Juan Vieites. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

Vieites afronta o reto de lograr a unidade empresarial e, sobre todo, mellorar a imaxe da patronal galega, lastrada por máis de cinco anos de leas internas que se traduciron en ata catro dimisións (José Manuel Fernández Alvariño en 2015, Antonio Dieter Moure en 2016, Antón Arias en 2018 e José Manuel Barreiros a finais de 2020).

Satisfeito co resultado, Vieites informou nunha rolda de prensa posterior á asemblea de que xa pediu á CEG "unha serie de informes", algúns deles xa entregados e outros "en confección", co obxectivo de convocar unha reunión da maneira "máis eminente posible" para "tomar as decisións adecuadas" para canalizar o traballo da patronal galega.

Algunhas delas terán que ver coa gobernación da institución, dixo, e outras versarán sobre as "estratexias concretas". "Hai que construír sobre o que hai, ese é o meu pensamento", destacou.

Acerca da gobernación, indicou que "se está valorando poder traer alguén externo" como secretario xeral, pero que "será unha cuestión do comité executivo e a xunta directiva nas próximas reunións". Tamén apostou por un comité asesor con empresas para favorecer un diálogo permanente.

Cas "mans libres para actuar", pois asegura que "así" llo dixeron "uns e outros", apuntou que desde este venres empezará "a estudar eses dossieres", para avaliar, entre outras cuestións, a situación económica da entidade, e tamén para ler "e reler" os estatutos, que "se se cambian será entre todos, pero neste momento non é unha prioridade".

E é que, segundo subliñou Vieites, "o máis eminente é a unión e o consenso". "Miro para adiante, non miro para atrás. Veño traballar para o futuro", remarcou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta