Un menor en Galicia, entre as vítimas de abusos recoñecidas polas xesuítas en España

Un informe recoñece o abuso a 81 menores entre 1927 e 2020.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/01/2021 | Actualizada ás 20:33

Comparte esta noticia

Un total de 81 menores --un deles en Galicia-- foron vítimas de abusos por parte de 65 xesuítas de España entre 1927 e 2020 e a maioría dos casos producíronse en colexios, segundo un informe da Compañía de Xesús, que recolle non só abusos sexuais senón un rango amplo de condutas, desde a linguaxe impropia ou provocacións, aos tocamentos (a maior parte dos casos).

Imaxe do polideportivo do Colexio Xesuítas de Bilbao con 700 pupitres para acoller exames
Imaxe do polideportivo do Colexio Xesuítas de Bilbao con 700 pupitres para acoller exames | Fonte: Europa Press.

"Énchenos de dor, vergoña e pesar", asegurou o superior provincial da Compañía de Xesús, Antonio España, este xoves. "Queremos aprender a pedir perdón ás vítimas e á sociedade polos abusos, pola cultura de silencio, por non afrontar limpamente os feitos", engadiu.

O documento, presentado este xoves e titulado 'Informe sobre os abusos cometidos por relixiosos xesuítas nas provincias españolas', sinala que do total de xesuítas acusados de abusos a menores, 48 xa faleceron e 17 seguen vivos.

Deles, catro xa non son xesuítas (un expulsado e tres que abandonaron a Compañía) e os outros 13 están apartados do contacto con menores, cumpren sancións ou están a esperar resolución de procesos canónicos ou civís.

Neste momento, segundo o informe, hai un proceso xudicial en curso, un proceso canónico en curso e houbo outros dous canónicos que acabaron coa suspensión do exercicio do ministerio do acusado e a súa reclusión en comunidades illadas. Do resto, non chegou a haber procesos xudicial nin canónico, senón medidas canónicas disciplinarias internas. Tamén houbo un proceso canónico que concluíu sen probar a comisión dos abusos.

En 14 do total dos casos (o 20%) os acusados abusaron con reincidencia, e sobre 51 (o 80%) consta cunha única denuncia, segundo revela o informe da Compañía de Xesús. Por xénero, nos casos en que teñen constancia, 46 dos menores que sufriron estes abusos eran nenos e 18 nenas.

En canto ao lugar onde se produciron os abusos, a maioría tiveron lugar no recinto escolar: clases (5), instalacións (26), habitación dunha xesuíta (3) e internados (6). Tamén na casa familiar da vítima (6), nun templo (3) ou en instalacións parroquiais (6), en despachos (4), en lugares públicos (1) ou noutros centros (1).

"Observamos unha especial vinculación ao ámbito educativo, a maioría dos abusos xorden en colexios ou vinculado a colexios", indicou o secretario de Comunicación da Compañía de Xesús, José María Rodríguez Olaizola.

Sobre o momento en que se cometeron os feitos, dos datos despréndese que dos 17 casos nos que o acusado segue vivo, tres son da década dos 60, dous sucederon nos 70, tres nos anos 80, outros tantos nos 90 e seis desde o ano 2000. A acusación máis recente é de 2020, refírese aos eventos máis antigos e está a ser investigada.

Ademais, o estudo revela que á parte dos 65 acusados por abusos a menores, hai outros 31 xesuítas acusados de abusos sobre adultos, dos cales 8 seguen vivos e 23 faleceron. En catro casos habería máis dunha vítima, e en 27 consta unha acusación.

Así, se se teñen en conta abusos a menores e a adultos, en total son 96 xesuítas acusados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta