O PSdeG ve urxente un cambio nos orzamentos da Xunta para adaptarse á terceira onda

Os socialistas presentaron varias emendas, que inclúen 100 millóns de euros adicionais para a sanidade pública.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2021 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao Partido Popular a "deixar o rodillo" e "reconsiderar" uns orzamentos para 2021 que non prevían unha terceira onda da covid que "acende todas as luces de alarma" polo número de contaxios e pola presión asistencial á que teñen que facer fronte os hospitais.

"O PP ten que ser permeable", defendeu Gonzalo Caballero, consciente de que é necesario "cambiar os orzamentos" para "fortalecer a sanidade pública, dar máis fondos aos sectores afectados por esta crise e trazar as liñas de reactivación de Galicia".

Así se pronunciou este sábado nunha rolda de prensa ofrecida aos medios xunto ao presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, e na que se referiu á aprobación das contas autonómicas esta semana no Parlamento de Galicia. Na súa intervención, sostivo que os orzamentos da Xunta foron elaborados nuns momentos nos que Feijóo criticaba o toque de queda, o estado de alarma e os peches perimetrais e "só pensaba en salvar o Nadal e ter unha boa Semana Santa". "Hai que adaptarse ás novas circunstancias", sinalou o xefe de filas do PSdeG, que sostén que as actuais contas "non valen".

Neste contexto, puxo sobre a mesa as emendas presentadas polo PSdeG, que inclúen 100 millóns de euros adicionais para dotar á sanidade pública de máis persoal e en condicións "estables", para desenvolver "axilmente" o programa de vacinación para mellorar o sistema de rastrexo e para poder atender citas e operacións programadas.

"Neste 2021 temos que ser capaces de resistir esta terceira onda cunha sanidade pública máis forte e con posibilidades económicas que dean futuro aos sectores máis afectados pola crise", reivindicou Caballero, que pediu tamén un fondo covid extra para os concellos de Galicia que, segundo indicou, están a atender as necesidades sociais da cidadanía afectada e asumindo gastos adicionais en ámbitos como a limpeza dos espazos públicos.

No que respecta ás novas axudas prometidas pola Xunta para a hostalaría e o turismo, o dirixente socialista valorou que o anuncio chegase "dúas horas despois" de que o PSdeG mantivese unha reunión co Clúster de Turismo de Galicia para reclamar 62 millóns de euros adicionais. "Estaremos vixiantes para que se cumpra", engadiu.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, en rolda de prensa
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

ALTA VELOCIDADE

Pola súa parte, o presidente do PSdeG, Xoaquín Fernandez Leiceaga, criticou o "cinismo do Partido Popular" por urxir ao Executivo de Pedro Sánchez a chegada do AVE a Galicia despois de que os atrasos nas obras entre 2012 e 2016, nos anos de goberno de Mariano Rajoy, "estean a motivar reclamacións xudiciais por 440 millóns de euros".

"Neses anos houbo unha execución extremadamente baixa e deixaron o caos en ADIF", denunciou o tamén senador socialista. Leiceaga contrastou "ese caos, eses atrasos" nas obras para achegar a alta velocidade a Galicia durante a etapa de Rajoy e Ana Pastor co "impulso decidido" a estra infraestrutura desde a chegada de Pedro Sánchez ao goberno, o que permitirá que o AVE se conclúa no segundo semestre do ano 2021.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Debo estar enfermo porque xa boto en falta as homilías dominicais do Presidente Sánchez ! Dende que lle regalaron o Estado de Alarma cómpre buscar a Wally ? Nin os mortos nin os vivos fan que mova a cú da poltrona o Señor Presidente ! Sabedes que os fondos europeos, no caso de ser aprobados pola Comisión Europea, non veremos un cheque ata polo menos xaneiro de 2023 !!! Será por eso que non aparece por ningures ? Estamos a xaneiro de 2021... por se acaso alguén non sabe en que día vivimos !!!