Así é o difícil traballo de buscar emprego durante as restricións da COVID

Os ERTE e os despedimentos froito do peche de negocios empurran a moitas persoas a buscar novas vías de ingresos. Encontrar postos de traballo relacionados coa formación e habilidades persoais é moi complicado. Existen alternativas laborais que agora mesmo teñen demanda, mais para moitas é necesaria unha formación específica que tampouco é doado conseguir con medidas de restrición.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 06/02/2021 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

Os sectores laborais están sufrindo con distinta intensidade as consecuencias da crise económica actual. A COVID, de maneira moi semellante á crise do 2008, parece obrigarno á “reciclaxe”, a “reinventarnos” para buscar novas oportunidades laborais. A formación é un paso importante para ampliar as nosas oportunidades de dar cun emprego remunerado en condicións dignas. O paradoxo é que agora mesmo formarte tamén é unha tarefa difícil, pois moitos centros de formación están pechados por cuestións sanitarias e a formación online, sobre todo non regrada, en moitas ocasións non ofrece todas as garantías de estar recoñecida oficialmente. Entón, que podemos facer se queremos buscar saídas laborais nestes tempos de peche?

Unha muller sae dunha oficina de emprego. Eduardo Parra - Europa Press
Unha muller sae dunha oficina de emprego. Eduardo Parra - Europa Press

FORMACIÓN, NIN TANTO NIN TAN POUCO

O primeiro que destacan tanto empresarios, sindicatos e organizacións do mundo laboral é a formación. “Cantos máis coñecementos, máis oportunidades” é o primeiro mantra que repiten as voces “autorizadas” sobre a busca de oportunidades de emprego. O segundo mantra é o de “busca activacoa navegación pola Internet, a concertación de entrevistas de traballo, entrega de CV ou portfolios profesionais. E isto funciona?

“Esa é a pregunta do millón” di Francisco González Sío, da CIG, pois de momento as cifras de desemprego e persoas acollidas a ERTE non indican o que se denomina unha “mobilidade laboral” que mostre unha substitución de postos de traballo pechados por outros novos. Maica Bouza, de CCOO destaca que “a formación para dar cun traballo debe ser continua e promovida por empresas e servizos públicos que permitan unha reciclaxe para os cambios constantes”.

“A cualificación é importante pois permite o acceso a sectores mellor cualificados e remunerados” di Juan Carlos Rodríguez de UGT. “A formación presencial a día de hoxe non é posible debido ás restricións sanitarias, por iso a teleformación é a alternativa que queda”.

“Tamén está o perfil que lle queiras dar á túa vida laboral, por iso podes dar con diferentes camiños para formarte” di Ángel Torreiro da Asociación de Empresarios de Ferrolterra. Torreiro subliña a necesidade de “estar aberto a todas as alternativas, ter en conta todas as opcións”, aínda así “custa encontrar coas opcións máis apropiadas para cada quen”.

A outra cara da moeda para algúns é “a sobreformación que impide ás veces dar cun emprego digno” segundo González Sío. O exceso de formación ás veces é un síntoma da dificultade laboral que pasa unha sociedade. “Ás veces a culpa é de quen planifica a mesma formación, debido a que posiblemente non se estea orientando aos sectores que necesitan persoal cualificado”.


COMO ENCONTRAR TRABALLO NO MEDIO DA COVID?

“Hoxe en día o mellor sistema que funciona para dar cun emprego son as redes sociais e o boca a boca” di Maica Bouza. Un sistema complementa ao outro, pois ter contactos e as webs de traballo, agora mesmo son das poucas alternativas que funcionan en caso de abrir camiño para ter emprego. En Internet “podes ver como está o mercado, pois en moitas desas ofertas non se respectan as condicións laborais e detrás pode haber empresarios sen escrúpulos” sinala González Sío. “Moitas das ofertas que aparecen en páxinas web son timos empresariais” di Ricardo Castro.

Os servizos públicos de emprego e as ETT son a outra vía pola que explorar as posibilidades dunha nova oportunidade laboral. Os primeiros non deixan de ser servizos de xestión para algunhas voces críticas, todo debido ao cambio nas políticas laborais dos últimos decenios. Ricardo Castro apunta sobre isto que “o sistema público de emprego foi decapitado polo PSOE cando abriron as ETT, que son unha vía de escravismo en constante dependencia”.

“Hoxe en día si hai sectores cunha demanda media-alta como son as novas tecnoloxías, alimentación, investigación, medicina e coidados” apunta Bouza de CCOO. Algúns destes sectores precisan dunha formación moi específica que só poden impartir especialistas. Ángel Torreiro cre que a asociación entre as administracións públicas e as entidades privadas “é o mellor camiño para brindar a formación específica segundo que sectores”.

Encontrar traballo agora mesmo en tempos COVID é difícil, aínda que hai sectores que demandan máis persoal e que para acceder a eles é necesaria a formación. Esta última só pode ser impartida mediante teleformación e, se non son organismos debidamente recoñecidos, moi probablemente eses coñecementos adquiridos non sexan válidos para o posto ao que aspiramos ou, por desgraza, sexamos vítimas dun engano. En tal caso, buscar traballo agora mesmo é difícil aínda que non imposible, como reza o dito, mais debérase estar moi atento á oferta, á empresa ou entidade que demanda traballadores e as súas condicións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Consejos vendo, para mí no tengo... Claro que sempre podes aspirar a un posto de Conselleiro en Navantia ! Barcos non hai pero sillóns aínda parece que queda algún !