A Xunta pide agora que deputacións e concellos se unan a ela para o rescate do pequeno comercio

O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, puxo en valor as axudas ao sector para que poidan facer fronte á pandemia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2021 | Actualizada ás 18:54

Comparte esta noticia

O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, destacou o apoio do Goberno galego ao pequeno comercio para facer fronte ás consecuencias derivadas da pandemia e asegurou que este sector resiste mellor que no conxunto do Estado.

Así o manifestou en resposta a unha pregunta formulada no pleno do Parlamento de Galicia pola deputada socialista Leticia Gallego, quen acusou ao Executivo autonómico de dedicar "escasos recursos" a este sector a pesar das necesidades derivadas da situación sanitaria.

Na súa resposta, Francisco Conde, que agradeceu o sacrificio que o sector asume para facer fronte aos contaxios, sinalou que "a todos" lles move "superar a pandemia e velar pola saúde" á vez que "traballar xuntos para consolidar un comercio galego forte, innovador e sustentable".

Neste punto, sostivo que a galega é a segunda comunidade autónoma con "mellor evolución" das vendas, cunha caída do 2,8% entre xaneiro e novembro de 2020 fronte 7,4% rexistrado no conxunto do Estado. Ademais, puxo en valor as axudas ao sector, con apoios á dixitalización, un plan de axudas directas e prestamos para que poidan facer fronte á pandemia.

"O comercio está a pasar unha situación difícil, ninguén o dubida. Necesita da colaboración de todos e especialmente das administracións", asegurou Conde, que incidiu en que a Xunta "desde o primeiro momento estivo e seguirá estando co comercio". "Esperemos que a ese esforzo se unan as deputacións e os concellos neste segundo plan de rescate", indicou.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, no pleno. PARLAMENTO DE GALICIA - Arquivo
O conselleiro de Economía, Francisco Conde, no pleno. PARLAMENTO DE GALICIA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta