“Galicia pode querer esquecerse de Europa, pero Europa non se esquece de Galicia”

Entrevistamos ao colaborador de GC Serafín Pazos Vida, analista político, dacabalo entre Bruxelas, onde reside, Escocia, onde traballa, e Galicia, onde ten a cabeza, que presenta o 27 de xaneiro, en chave galega e da man do IGADI, o seu libro “Subsidiariedade e Gobernanza Multinivel na UE: Actores, Redes e Axendas”

Por Galicia Confidencial | Bruxelas | 31/01/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O columnista do GC presenta  “Subsidiarity and EU Multilevel Governance: Actors Networks and Agendas “ (Routledge, 2019) que presentará na Charla "O Mundo Desde Aquí" na IGADI TV o próximo mércores 27 de xaneiro ás 20:30. A actividade ten unha especial relevancia, agora que no Parlamento de Galicia atopámonos diante da aprobación final da Lei galega de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento, e que no contexto estatal existe unha forte discusión sobre as formas e eficacias dos fondos europeos Next Generation. 

Serafin Pazos, analista político e colaborador do GC
Serafin Pazos, analista político e colaborador do GC | Fonte: linkedin

De onde saíu a idea deste libro? 

Este traballo é o froito de case vinte anos representando a gobernos subestatais perante a Unión Europea. Alén do esforzo teórico, pois tomou forma coma unha tese de doutoramento que me dirixiu o profesor Luís Domínguez, Cátedra Jean Monnet da Universidade de Vigo, este libro recopila toda unha serie de “batallas” que a xeito de casos prácticos trata de vinte anos de construción europea vista desde dentro.  

O libro está en inglés, como é iso? 

Xa mesmo antes de defender a tese, -que fixen na UNED en Madrid con premio extraordinario- tiven a sorte de que a prestixiosa editorial académica británica Routledge me escollera para a conversión da tese en libro, que se publicou no 2019 e do que acaba de saír a segunda edición. Non está mal para un investigador novel.  

Pero ti non es académico, non? 

Non, digamos que a reflexión teórica axuda coma terapia do meu día a día que é un traballo de formulación e defensa de políticas públicas. Formo parte de varios grupos de investigación e malia comezar tarde, ou mellor dito, retornar ao mundo académico teño publicado xa un bo feixe de papers, estudos para o Parlamento Europeo o Escocés, o Comité das Rexións, capítulos de libro e artigos nomeadamente da participación dos gobernos subestatais nas decisións europeas e a formulación de políticas públicas da UE nomeadamente a chamada Política Rexional.  

É dicir, que escribes do que viviches 

Efectivamente. Nestes case vinte anos tiven a sorte de traballar en diferentes roles pero todos apaixonantes, na presidencia do Goberno Vasco en pleno Plan Ibarretxe, na oficina de Galicia en Bruxelas durante a Convención Europea que elaborou o que veu a ser o Tratado de Lisboa, nunha rexión inglesa. Desde hai 14 anos son o responsable da oficina europea e o departamento internacional da Convención de Concellos de Escocia. Como digo, todo isto xa dá para unhas cantas batallas. 

No libro falas do Auxe, Caída e Reinvención, da “Europa das Rexións” 

Si, é un bo xeito de resumilo. Preparando o acto co Igadi do día 27 din cos arquivos d´A Nosa Terra do ano 1992. Por tres veces apareceu na súa portada as aventuras de Fraga en Bruxelas, na Asemblea Europea de Rexións ou no Eixo Atlántico. Coa creación do Mercado Único, co Tratado de Maastricht había unha efervescencia dos gobernos subestatais por participar en Europa. Foi tamén cando me interesei eu, xa que poucos anos tras ganar a nosa autonomía, boa parte das decisións coma caso da pesca, fóronse para Bruxelas. O libro fala desa tensión entre decidir as cousas en Bruxelas e os lexítimos intereses de territorios coma Galicia.  Era o tempo dos Fragas, Maragall e Pujol xunto cos vascos -eu tiven a honra de comezar traballando para o Comisionado do Lehendakari Jose Mari Muñoa- se pelexaban en Bruxelas por ser o campións de Europa. 

Mais logo iso foi a menos, non? 

Efectivamente, o cumio foi a Convención para o Futuro de Europa no 2002-2003, que puiden vivir desde dentro nada máis chegar a Bruxelas. Era a época do Plan Ibarretxe, Aznar e a Guerra de Irak. Un tempo moi curioso, pois os Länder austríacos e alemáns, as rexións italianas, as recentes autonomías escocesa e galesa se uniron por primeira e única vez para influír na xestación da chamada Constitución Europea. Foi unha época moi curiosa, cunha grande crispación política e territorial no Estado pero que logo Muñoa, o socialista extremeño Sánchez Amor e, en nome de Fraga, Xesús Gamallo, artellaban alianzas en Bruxelas impensables aquén dos Pirineos.   

Ao final acabou coma o rosario da aurora, os Länder e os británicos acadaron arranxos cos seus gobernos centrais para participar mellor nas decisión da UE. No caso das Autonomías, se ben a chegada de Zapatero calmou un pouco as cousas, os problemas de hoxe son os mesmos que daquela.  

É dicir, que o teu libro non son só batallas do pasado

Si e non. Tras o falido proxecto de Constitución polos referendos franceses e holandeses do 2004, aínda que se rescatou boa parte no actual Tratado de Lisboa, chegou a crise económica do 2008 e os gobernos autonómicos tiveron que preocuparse do día a día. En parte con razón, pois máis ca un interese por participar na UE para defender os interese dos seus territorios había excesiva vaidade política ou de usar Bruxelas para solventar problemas domésticos. Logo veu a ofensiva da Lei Margallo contra as chamadas “embaixadas” en Bruxelas. Xesto ideolóxico, antieconómico e oportunidade perdida de tentar artellar mellor a política europea do Estado e os intereses, igualmente lexítimos, das CC.AA. As polémicas co chamado Plan de Recuperación amosan que aínda estamos nesas. 

Entón, que lugar teñen as autonomías, e nomeadamente Galicia, na UE de hoxe? 

Ti pódeste quere esquecer da UE pero a UE non o fai de ti. Coa política de austeridade chegaron as chamados plan de reformas estruturais, hoxe tan de moda co medo aos recortes das pensións. Pois ben, cada ano, e non só agora co Plan de Recuperación, os gobernos comprométense a facer esas reformas en Bruxelas e moitas delas son competencia autonómica. Non consta que ningún goberno español consulte moito ás autonomías, cousa que si pasa no caso alemán, italiano ou austríaco que contan con eficaces Conferencias de Presidentes e todo un artellamento baixo delas. As Conferencias Sectoriais españolas, tan presentes hoxendía polos problemas de xestión da COVID e o propio reparto dos Fondos da UE, non ofrecen nin punto de comparación.  Alén diso, problemas como o chamado “Tax Lease” de hai uns anos, o chamado corredor atlántico,  todo o tema medioambiental, pódense anticipar e solucionar cunha decidida política europea.  

Nas túas tribunas tes sido moi crítico coa Fundación Galicia Europa 

Moitos galegos da miña xeración, e de feito case tódolos meus amigos galegos en Bruxelas, pasamos por alí. Algúns son hoxe altos funcionarios da UE, houbo quen chegou a conselleira. Non imos resumir trinta anos nunha caricatura, pero non ten sentido  que tras máis dun cuarto de século desde que o Constitucional permitise a apertura de delegación da Xunta no estranxeiro sigamos cun modelo que nin é goberno nin deixa de selo.  Non se trata do simbolismo – aínda que non é a primeira vez que lles chamo a atención por non ter a bandeira galega ondeando fóra, como fan tódalas delegación estatais ou territoriais en Bruxelas- senón de credibilidade e acción de goberno. Xa non pido ser o goberno escocés ou o flamengo, a estas alturas xa me conformo con ser mellor ca Murcia, que por certo teno feito moi ben todos estes anos.  

Agora estase a debater precisamente unha proxecto de Lei de Acción Exterior galega 

Como dixen na miña contribución ao Parlamento, paréceme un paso adiante pero insuficiente. Ponse excesivo énfase en codificar cousas que en boa parte son boas intencións e moi pouco detalle noutras que si teñen que definirse por lei, coma a participación de Galicia no Comité das Rexións, nos grupos de traballo da Comisión e o Consello, a supervisión do Parlamento Galego, etc. Sobre todo precísase unha artellamento de obxectivos, medios e rendemento de contas. Dito isto, e visto o país que temos, podería ser moitísimo peor. Esta Lei ten que ser de todos e non só de quen goberne. 

Apareciches recentemente moito nos medios co tema do despoboamento 

Pois si. Conseguir que se recoñecese nos fondos europeos a prioridade ás provincias e concellos despoboados é un bo exemplo do que se pode acadar en Bruxelas con moi poucos medios pero moita vontade, coñecemento técnico e bos contactos nas institucións. Iso importa máis ca ter unha oficina despampanante na rúa principal de Bruxelas, como é o caso de Galicia, aínda que logo  tivesen que subarrendala por falta de medios.  

Co tema do Brexit, como quedas ti? 

Non podía faltar a clásica pregunta. Eu son servidor público e levo traballando para varias entidades públicas británicas case 17 anos. De momento, xestionando a repatriación de competencias desde a UE, negociar dentro do Reino Unido o post Brexit e desenrolar a nova relación con Europa e internacionalmente -por exemplo o cumio do clima en Glasgow este novembro- a min e ao meu pequeno equipo sóbranos choio. E o día que remate ese cometido, pois xa veremos que decisións tomamos.  

Polo momento estou agradecido ao IGADI, en colaboración coa Universidade de Santiago, de darme a oportunidade de presentar en Galicia estas e outras leccións que aprendín nestes anos. Logo de terse presentado o libro nas universidades de Strathclyde, Padua, Lille, Braga, Wroclaw, en Bruxelas e nun evento especial en Madrid, e pola COVID non ter podido tela presentado na Facultade de Políticas, poder facelo agora virtualmente.    

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Agradecido a GC por esta noticia que vai moito máis alá das liortas partidistas que xa aburren ao personal ! Esta charla do Serafín é moito máis interesante que o diálogo de xordos ao que estamos asistindo no Parlamento de Galicia ! Noraboa ! https://youtu.be/0eS80pns9yQ?t=1561 Lembrarlle aos queridos comentaristas do GC que temos a obriga moral de manter vivo este medio de expresión e comunicación independente en Galicia ! Achégate ao GC !