Temas: MúSICA

Herbens Consort, a música que enche espacios centenarios

Máis de 200 persoas seguiron o terceiro concerto do ciclo 'As notas do Pemento' no Convento de Herbón.

Por GC Tendencias | Herbón, Padrón | 22/07/2013 | Actualizada ás 17:04

Comparte esta noticia

O Festival de Música de Herbón 'As notas do Pemento' crece semana a semana. Este venres 19, o grupo Herbens Consort acadou un cheo histórico nas hortas do Convento de Herbón, con máis de 200 persoas. 

Eliseu Mera, de Herbens Consort
Eliseu Mera, de Herbens Consort

O Herbens Consort está formado por Indra Sesti di Lucca (soprano), Eliseu Mera (barítono), Diego Rojo (arquilaúde) e Carlos García Amigo (viola da gamba e dirección musical). Interpretaron pezas de Sermisy, Lambert, Dowland, Purcell e Caccini, entre outros.

O concerto comezou ás 20:30 pero, antes, ás 20.00 horas, tivo lugar unha concurrida visita guiada polo Convento Franciscano de Herbón con máis dun cento de visitantes. Ao remate da actuación, e como ven sendo habitual neste festival, tivo lugar unha degustación de pementos de Herbón con viño, sangría e auga. 

Esta foi a terceira actuación musical que acolle o fermoso convento de Herbón dentro do ciclo As notas do Pemento que ten coma obxectivo resaltar as potencialidades do pemento de Herbón a través da música. 

A música clásica e os pementos de Herbón configuran a oferta cultural do mes de xullo na parroquia de Herbón, en Padrón. O festival está organizado polas asociacións Sementar, Onde hai Música e Galicia Sustentable e conta coa colaboración da S.A.T. A Pementeira, da Asociación Galega de Amigos do Camiño (AGACS) e da Axencia de Comunicación Xurimaru. 

Indra Sesti, de Herbens Consort
Indra Sesti, de Herbens Consort

O primeiro concerto celebrouse o venres 5 de xullo a cargo de Ensemble Giogia. Unha cita que reuniu fronte ao adro da igrexa do convento  a máis dun cento de persoas. O festival, ademais de música, ofrece unha visita guiada polo convento que comeza todos os venres ás 20.00 horas e un petisco de pementos de Herbón con viños do propio mosteiro ao finalizar os concertos.

Grupos convidados

Entre os músicos e grupos convidados estánvEnsemble Giogia. Ensemble Rosa del ciel e Herbens Consort que xa actuaron en distintos espazos do convento. O seguinte concerto terá lugar o 26 de xullo, un Recital lírico a cargo de Sonia Bouzada (mezzosoprano), Enrique Martínez (tenor) e Elena Pérez (piano). O ciclo rematará o domingo, 28 de xullo, ás 13.00  horas co grupo Quodlibet con Felipe Rea (gaita) e Andrea García (piano). 

Na filosofía do festival está, ademais, achegar a música clásica á xente. "Mediante esta iniciativa pretendemos, por unha banda levar a música a novos espazos e abrila a novos públicos e, pola outra, darlles aos novos músicos a posibilidade de ter un evento diferente no que actuar", sinala Eliseu Mera. Por iso, os concertos están pensados coma encontros nos que os músicos dialoguen co público.  Ademais, haberá unha exposición audiovisual e fotográfica do proxecto Onde hai Música e do proxecto Herbón.

Os interesados reservar as entradas para este festival único poden facelo a través do correo info@asnotasdopemento.com. Tamén poden atopalas no Hospital de Peregrinos Santo Antonio de Herbón, das 16.00 ata as 22.00 horas. O prezo é de tres euros por concerto. No prezo vai xa incluída a visita guiada e a ración de pementos con viño que produce o propio convento.

Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta