Por gcdeportes | Compostela | 21/07/2013 | Actualizada ás 18:36
Hai dous anos e medio que asumiu o reto de devolver o Compos a onde por tradición merece. O empresario Antonio Quinteiro (nado en Lestedo, pero emigrado 20 anos con fortuna en México) pagou as débedas do club, recuperou a marca da SD Compostela e agora, tras dous ascensos en dúas tempadas consecutivas, trata de consolidar o club na Segunda División B. Un proxecto con prudencia, pero tamén con moito futuro.
Entrevista de José Ángel Santoveña (@JoseA_Santovena)
Como valora o crecemento do club dende Preferente ata hoxe?
Un crecemento sólido e prudente acompañado do éxito deportivo. Ademais do progresivo apoio institucional, empresarial e social, que está facendo de novo un club forte, que pertence á cidade.
Cal vai ser a política do club de cara á próxima tempada para manter a boa resposta do público nesta fase de ascenso?
O Compos réxese por unha política deportiva e económica con garantías de seriedade e compromiso para así poder garantir aos seus afeccionados e a todos aqueles que o apoian un traballo rigoroso.
Como é a saúde financeira do club despois dos problemas coas débedas do pasado?
O club, desde a chegada da súa nova directiva, cumpriu ata o día de hoxe con todos os compromisos de pago que adquiriu e mantén desde un comezo, pensando sempre na estabilidade do mesmo.
O presuposto destinado a fichaxes está pensado para tentar manter a categoría ou para soñar cun terceiro ascenso?
O proxecto deste ano está máis encamiñado á consolidación do club e da súa masa social, así como a seguir dando garantías ao sector institucional e empresarial da cidade para que amosen o seu apoio co club da capital de Galicia.
Entra dentro dos plans a curto/medio prazo a creación dun filial que sirva de nexo entre a base e o primeiro equipo?
O proxecto do filial pasa pola boa labor que os demais equipos da cidade e da comarca realizan nos seus clubs. O Compostela segue traballando na labor de consolidar as súas categorías inferiores, das cales depende o seu futuro.
Santi Taboada, primeiro reforzo
Pouco a pouco, o novo proxecto do Compostela colle forma. Tras dúas semanas de intenso traballo para perfilar saídas e renovacións (Castiñeiras e Peláez foron os últimos en dar o si á súa continuidade), o club santiagués atou o seu primeiro reforzo para a nova tempada en 2ªB. Trátase de Santi Taboada, mediocentro vitoriano de 1,81 e 20 anos. Esta tempada militou no Alavés B de Terceira División, conxunto que finalizou no posto 14º. Tamén alternou convocatorias co primeiro equipo, onde chegou mesmo a ser titular. É un xogador que destaca pola súa boa visión de xogo e o seu carácter. Antes de recalar en Vitoria, estivo nas categorías inferiores do Real Madrid, chegando ao xuvenil de División de Honra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.