Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2021 | Actualizada ás 22:20
Nova mobilización contra a implantación dun parque eólico en Galicia. O derradeiro episodio das protestas que, dende hai meses, percorre o territorio galego, non ten por obxectivo a crítica das política da Xunta. Trátase, pola contra, dun manifesto que carga contra a intención dunha empresa de implantar un complexo de eólicos no teito de Galicia: as montañas de Trevinca.
O manifesto vén de ser publicado por parte do Club de Montañismo Montañas de Trevinca, que pide apoios para frear unha proliferación de eólicos contra a que levan batallando dende hai xa 20 anos. Neste aspecto, refiren o proxecto de 36 torres eólicas planificado no ano 2001 e que, sinalan, “ía destruír completamente unha xoia xeolóxica como é a crista glaciar do Lombo do Roncín”.
Por sorte, explican no manifesto, a Xunta rematou por desestimar a construción de tal complexo, como pasaría tamén no tocante ao proxecto do 2005 --que contemplada unha explotación nas inmediacións do pico Maluro-- ou no relativo ao proxecto do 2008 que atinxiría á área de Pena redonda. A mobilización por parte deste club chega porque as denegacións da Xunta ben poderían trucar nunha aprobación cos plans presentados neste 2021 baixo o nome do proxecto ‘Prada’.
DENEGACIÓNS DA XUNTA
“Logo de tantas denegacións razoadas da Xunta de Galicia”, apuntan no comunicado, “aínda seguides teimando en instalardes parques eólicos con 31 torres de ferro cun voo de aspa duns 150 m, nas nosas Montañas de Trevinca, símbolo de todas as montañas galegas”, engaden. Neste aspecto, o club sinala que as circunstancias ambientais que xustificaron os ‘non’ do pasado son as mesmas que operan na actualidade. “Hoxe en día danse as mesmas razóns de protección sobre a avifauna e as mesmas circunstancias ambientais nas zonas dentro do proxecto eólico na Serra do Eixe”, explican.
Por esta razón, dende a C.M. confían en que o ditame da Xunta volva ser desfavorable e as montañas máis altas de Galicia poidan seguir libres de eólicos. "Aínda estamos a tempo de lexislar, de repensar a política ambiental da nosa querida Galicia”, explican os autores do manifesto, que engade: “ademais, a vostedes quedaralles o cargo de consciencia de participar en tanto dano ao máis significativo e valioso do noso patrimonio natural”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.