O acusado de tentar matar á súa muller cun coitelo en Arzúa en 2018 alega non lembrar nada daquel día

A vítima, que declarou como testemuña ao renunciar a exercer a acusación particular, admitiu que foi a súa parella a que lle acoitelou.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2021 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

O acusado de tentar matar á súa muller en Arzúa cun coitelo en 2018 alegou non lembrar nada do día dos feitos no xuízo celebrado na sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña. O fiscal pide oito anos de cárcere por un delito de homicidio en grao de tentativa á que era a súa muller desde facía "uns 50 anos".

"Acórdome de estar no hospital e dixéronme que tiña unha ferida no pescozo", relatou o procesado a preguntas do Ministerio Fiscal, á vez que insistiu en que non lembraba que pasara. O home, que acudiu á vista en cadeira de rodas, tamén explicou que actualmente vive nunha residencia.

A vítima, que declarou como testemuña e por videoconferencia, manifestou acollerse "ao dereito de non declarar". O xuíz e o fiscal advertíronlle de que tiña a obrigación de contestar as preguntas e dicir a verdade por renunciar a exercer a acusación particular no proceso xudicial.

A muller confirmou que o seu marido colleu un coitelo no domicilio que compartían ambos o día dos feitos, pero engadiu que non se acordaba de "moitas cousas" por estar, sinalou, "en tratamento pola depresión". Si que afirmou que o home foi cara a ela e que tentou "defenderse", que lle quitou o coitelo e que el colleu outro, tal como recolle o escrito de cualificación.

Tras insistentes preguntas do fiscal e o xuíz, admitiu que fora o seu marido quen lle causou os distintos cortes que sufriu aquel día. Tamén asegurou que dous veciños a auxiliaron na rúa e chamaron ao 112 e dixo non reclamar ningunha indemnización.

O fiscal solicita 14.210 euros como compensación polos danos físicos e psicolóxicos, así como a prohibición de achegarse a 300 metros ou comunicarse con ela, así como vivir no mesmo municipio, durante dez anos.

Xuízo
Xuízo | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta