Análise da educación confinada: horas extras de docentes, falta de formación e fenda dixital

A piques de facer un ano da chegada da pandemia a Galicia, a situación dos centros educativos apenas cambiou. Ante esta terceira onda que deixa a moito alumnado en corentena, o persoal docente segue batendo de fuciños coa fenda dixital, coa escasa formación e coa falta de medios persoais e materiais.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2021 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

"É coma se che pedisen conducir de Madrid a Sevilla por unha estrada chea de fochancas. Que fas? Reventas o coche polo medio do camiño. Iso se é que tes coche". Isabel B, mestra de Educación Primaria dun colexio galego do que prefire non dicir o seu nome, sérvese desta analoxía para describir dende o outro lado do teléfono a situación que atravesan os centros educativos coa pandemia ás costas. A terceira onda de Covid trouxo un xaneiro negro con cifras récord que se resisten polo momento a unha desescalada decidida, e nos colexios, moi próximos á barreira dos 4.000 contaxios, a pandemia tamén está deixando notar o caro que custaron os encontros de Nadal.

Alumnado nunha aula protexido con máscaras contra a covid-19
Alumnado nunha aula protexido con máscaras contra a covid-19 | Fonte: ANPE.

Con todo, a pesar dos impoñentes datos, dende o punto de vista sanitario e "contra o que se podía agardar ao comezo do curso", o presidente de Anpas Galegas, Fernando Lacaci, observa que os centros escolares "non están sendo lugares especialmente problemáticos", posto que os meirandes contaxios se producen fóra dos colexios e non chegan a conformar cadeas de transmisión no seu interior. Porén, as protestas que se sucedían sen descanso ao comezo do curso seguen hoxe en día totalmente vixentes: a falta de recursos materiais e persoais complican as posibilidades de garantir unha educación de calidade, sobre todo, para aquelas crianzas que non poden asistir presencialmente ás aulas por estaren corentenadas ou seren de risco ante a Covid. 

Se ben o traballo do persoal docente se "multiplicou por tres durante a pandemia", asegura de primeira man Isabel, en Educación Infantil e Primaria non se procedeu a ningún tipo de incremento de persoal derivado da Covid. O anuncio da contratación de 847 profesores por parte da Xunta de Galicia en setembro quedou en pouco máis de 220 interinos. "Nos centros de Secundaria hai unha disparidade de situacións moi grande: hai zonas onde as ratios si se reduciron ata os 15 alumnos e se desdobraron aulas; e outras onde se manteñen en máximos, previa colocación de biombos. En Infantil podes atopar aulas saturadas con 25 crianzas de 3 e 4 anos sen máscara", explica Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino.

As críticas á Consellería de Educación chóvenlle tamén da man da Confederación de Anpas Galegas, que indica que "non soubo, nin quixo, preparar este curso académico con atención". Prodúcese, manteñen, unha "maldistribución" dos fondos por parte da Xunta, que en novembro do pasado ano 2020 anunciaba unha nova inxección de 7,2 millóns de euros en axudas directas a centros privados e concertados. "Mentres o ensino concertado" - di concretamente Lacaci - "se gaba de ter medios e dotacións abondas, no Ensino Público discútese cada céntimo de presuposto e cada hora de atención".

A "FANTASÍA" DO PLAN DE ENSINANZA VIRTUAL

Alumnado nun centro educativo
Alumnado nun centro educativo | Fonte: Europa Press.

As queixas pola carencia de recursos tecen a meirande parte do relato das fontes consultadas por Galicia Confidencial. O punto no que máis se laia o sistema educativo ten que ver coa educación dixital para as crianzas confinadas. Neste sentido, a situación nos centros, "con lixeiras correccións", é "basicamente a mesma que había en marzo", sinala Lacaci. Entre críticas de sindicatos e comunidade educativa, a Xunta lanzara xa co curso comezado, en novembro, un Plan de ensinanza virtual polo que pedía aos centros que, nun prazo dunha semana, presentaran os seus "horarios espello". Baixo este sistema,o profesorado debía replicar de maneira virtual o horario presencial no caso de que toda a aula quedara confinada.

"Unha fantasía animada" son as tres palabras coas que Isabel describe este plan. "A administración está dando paus de cego", porque, segundo explica, "falla directamente a infraestrutura" para poder desenvolver un método de ensino non presencial. "Non fixeron nada para que a comunidade educativa teña os recursos suficientes e redes de calidade para traballar online: faltan ordenadores e moitos son auténticas patacas, non se traballou para corrixir a fenda dixital, e ninguén asegura que as familias, nunha situación coma esta, teñan poder adquisitivo para pagar a factura de Internet, porque ata isto é moito falar nalgúns casos". Os problemas non tardan en agolparse.

A formación que pode adquirir o profesorado, ben mediante cursos da Xunta ou ben pola súa conta, queda "chafada porque resulta imposible levala á práctica": "De que serve todo iso se despois conectamos o portátil e cae aos cinco minutos?", pregúntase Isabel. Esta paradoxa súmase a outra crítica relacionada coa dependencia do sistema á voluntariedade do profesorado: atender as crianzas e achegarse ás familias implica "empregar medios persoais" e botarlle horas máis alá das xornadas establecidas. "Chegamos á casa e traballamos cos nosos portátiles, coa nosa rede de Internet, cos nosos móbiles... O tema da privacidade xa queda nun segundo plano", explica esta mestra.

"Mentres exista fenda dixital" -engade taxante- "falar de educación online vende, pero queda en saco roto". Os problemas de conexión á rede esténdense por zonas rurais e barrios das cidades que moitas veces "coinciden con espazos máis vulnerables dende o punto de vista socioeconómico", onde, explica Lacaci, poden atoparse situacións de "escasa alfabetización dixital" como para recibir unha educación telemática. "Confundimos o uso fácil das redes sociais ou dos videoxogos co dominio dunha formación informática práctica", relata. Neste punto tamén coincide a mestra Isabel B., que bota en falta formación para o alumnado. "Non entendo como non hai clases de novas tecnoloxías onde se lles explique aos nenos que é iso que teñen entre as súas mans".

"É bastante estúpido" - a ollos de Lacaci - "pensar que un problema así se resolve poñendo un ordenador na casa". E isto, no caso de que cheguen, porque da compra de computadores e medios de conectividade impulsada polo Goberno español, Galicia "non recibiu nin o primeiro", advirte Suso Bermello, mentres que a Xunta "xoga co que xa hai nos centros". Fenda dixital, falta de medios e formación moi desequilibrada por parte do profesorado e alumnado configuran o cóctel perfecto para que o Plan de ensinanza virtual da Xunta quede, en moitos casos, en papel mollado. A conclusión á que chega Bermello é clara neste sentido: "Se se tivese que producir a día de hoxe un novo confinamento xeral, a pesar da propaganda da consellaría, non estariamos nas penosas condicións de marzo, pero estariamos moi lonxe de garantir unha universalidade da teledocencia".

MEDIA CLASE NA CASA E MEDIA NA ESCOLA

Unha das situacións máis comprometidas, sobre todo ante esta terceira vaga da Covid, dáse naqueles casos onde parte da aula está en corentena e a outra parte asiste presencialmente á escola. Este alumnado confinado atópase con "grandes deficiencias" para manter o fío das materias. "Depende da voluntariedade do docente e de canto se sobrecargue de traballo. Xogas coa responsabilidade e co bo facer da inmensa maioría da docencia", sinala Bermello. 

O caso de María, nome ficticio dunha mestra que prefire gardar o seu anonimato, vólvese paradigmático neste sentido: ela chegou hai dúas semanas ao un novo colexio para ocupar o posto dunha mestra de baixa por Covid e, dende o segundo día, tivo que enfrontarse a unha clase onde só entre tres e sete crianzas asistían presencialmente dun total de 22. "Foi complicado porque non coñecía a realidade dos nenos, e así é difícil traballar con eles", relata a Galicia Confidencial. Con todo, María respirou ao ver que as crianzas (xa de quinto de Primaria) estaban familiarizadas coa aula virtual, aínda que asegura que ante a disparidade de niveis en canto a manexo das ferramentas, intentou limitarse á suba de fichas e presentacións para que as crianzas confinadas puidesen facer na súa libreta. "Cando regresaron de novo á clase dedicamos un tempo a corrixilo todo", conta.

No seu caso, o alumnado podía acceder "máis ou menos" sen problema, ben desde o ordenador, a tablet ou o móbil, relata. Ao seu ver, agora as crianzas están "máis preparadas ca en marzo: saben que existe ese recurso da aula virtual e teñen máis seguridade; é importante facerlles o hábito para que sexan autónomos nela". Mais advirte: "desde a casa non se traballa igual. As explicacións, metodoloxías, tipo de traballo e tempos deben adaptarse".

MÁIS ALÁ DUNHA "BATERÍA DE PDFs"

Precisamente esta é outra das peticións de Anpas Galegas: "Traballar no salto a unha formación dixital que non consista só en dixitalizar o analóxico, senón en cambiar o enfoque para dar unha formación diferente", relata Lacaci. "Hai casos excepcionais, pero o que se está entendendo por ensino non presencial non é máis ca unha batería de PDFs colgados nunha páxina para que o alumnado os faga pola súa conta. Non hai avance na interacción non presencial, entre outras cousas, porque o cadro de profesorado non se incrementou o suficiente, e un non se desdobra nin lle aparecen as horas da nada", engade. 

A Covid podería responder á metáfora dun "vento forte que o destapou todo". As Ampas piden un sistema onde as familias estean máis representadas, onde se adapten os currículos educativos ás circunstancias, e onde se reforce o acompañamento emocional ao alumnado. "Estamos preocupados polos mozos que teñen necesidades de apoio educativo, son os grandes esquecidos de todo este proceso", engaden. "Se algo serviu a pandemia foi para equiparar por baixo a todo o mundo. Hai que avanzar pasos de xigante", remata Lacaci.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta