Visita virtual á mostra "Afonso X e Galicia" ante as imposibilidade de ir á exposición

O Consello da Cultura Galega publicou un vídeo no que o comisario da exposición, Antoni Rossel, realiza unha visita interactiva.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/02/2021 | Actualizada ás 11:57

Comparte esta noticia

Neste 2021 cúmprense oitocentos anos do nacemento de Afonso X, rei de Castela entre 1252 e 1284, que tivo unha intensa relación coa cultura galega. Precisamente sobre esa relación afonda “Afonso X e Galicia”, a mostra que o Consello da Cultura Galega inaugurou o pasado 12 de xaneiro e que está pechada por mor das circunstancias sanitarias actuais.

Antoni Rossel, comisario da mostra do CCG 'Afonso X e Galicia'
Antoni Rossel, comisario da mostra do CCG 'Afonso X e Galicia' | Fonte: remitida

Con todo, desde este venres, 5 de xaneiro, está disponible para a cidadanía un vídeo que permite coñecer a exposición da man do seu comisario, Antoni Rossell. O audiovisual dura preto de 15 minutos e ofrece un percorrido guiado polo espazo expositivo que emprega documentos, testemuños arqueolóxicos literarios e musicais para achegarse ao pasado medieval galego e á figura do monarca.

O audiovisual “Afonso X e Galicia” ofrece un itinerario visual pola mostra a través da ollada do seu comisario, Antoni Rossell. En preto de 15 minutos ofrécese unha peregrinaxe intelectual e intanxible polo universo alfonsí en Galicia, pero tamén reivindica a vixencia da súa figura. O traballo audiovisual, feito por Nós TV, sintetiza aspectos da traxectoria de Afonso X, unha figura da cultura europea do seu tempo cunha visión de grande actualidade.

"No vídeo ofrécese un percorrido pola faceta máis humana do rei sabio, pero tamén pola moderna concepción do seu proxecto político, a universalidade e a aposta firma e decidida pola lingua galega, nunha época en que os conceptos de fronteiras eran máis difusos e permeables que os actuais", apuntan desde o CCG.

A exposición volverase abrir ao público cando o permitan as circunstancias sanitarias e estará na Igrexa da Universidade en Santiago de Compostela ata o 24 de abril. A partir dese momento comezarán as itinerancias previstas e a a primeira das súas paradas será Ourense, no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta