A tribo galaica

Os tempos e a necesidade obrígannos a repensar que é ser galego.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 12/02/2021

Comparte esta noticia

No ano 2000 o veterano activista afrocaribeño Darcus Howe fixo para a BBC o documental “White Tribe” no que exploraba que quedaba da Inglaterra de sempre nun país multicultural e orientado, naqueles tempos da “cool Britannia”, cara os capuchinos e outras modas do continente. Atopouse xente insegura da súa identidade, desprazada pola puxanza das cidades cosmopolitas ou das comunidades inmigrantes, refuxiada en recreacións de cartón pedra do pasado glorioso e nalgúns casos nas esencias saxonas pre-normandas. Esa mesma xente, dezaseis anos despois, foron a infantería da vitoria do Brexit. O derradeiro en rir é o que conta. 

Non é probable que iso ocorra en Galicia. O noso proceso de asimilación é tan integral, tan transversal, tan xeracional,  que non é probable que exista profundidade estratéxica para un núcleo irredutible que lidere a reconquista, por así dicilo. Non era unha situación inevitable. Se deixando o resto de cousas iguais, existise a TVG desde os anos 50 (non sería imposible nun país autoritario, ver a política na URSS) tería xa mudado moitas cousas. Fundamentalmente a de asociar Galicia coa modernidade e a nova sociedade de consumo. Cando chegou, xa case era demasiado tarde, con 6 anos de autonomía antes da integración na CEE, e só cinco anos de duopolio con TVE -e audiencias masivas, para quen lembre “O Mellor” ou Morris parando o tráfico no medio dunha vila- antes da chegada das privadas. O que non quita que se perdeu e malgastou un tempo precioso nas ultimas décadas. 

Hai tamén vinte anos escoitei nunhas xornadas de Eusko Ikaskuntza (o Consello da Cultura vasco) á norteamericana Gloria Totoricagüena falar dos vascos de Boise (Idaho) e de como as daquelas incipientes “novas tecnoloxías” de internet permitía crear comunidades virtuais entre as diásporas e o país de orixe. Non fun o único en pensar que eran as típicas paxaradas de quen, malia de orixe vasco, bebía ao cabo do pensamento recibido do soño americano, triunfante naqueles días de globalización unipolar.  Ora que uns cantos anos despois atopámonos, axudados pola pandemia, tecendo esas mesmas redes e conversas globais entre galegos do país e a diáspora. Nestes tempos de illamento físico estamos moito máis ao tanto do que pasa fóra que na nosa contorna física: eu non sei como se chama o Doutor Simón belga, o británico si polo choio, o galego non tal porque xa se encarga o Presidente para todo. Obviamente é máis importante para min saber como está o tema en Bélxica – o que fago lendo os titulares- pero o que me implica é o que pasa alá. 

 Esa conversa intercontinental da que falaba é parte dese proceso: no último mes escoitei aos de MBA Mal, Orgullo Galego, un directo de Tonhito de Poi, De Parola, A Lobeira Today e como non Café con Gotas. Eu mesmo da man do IGADI presentei o meu libro desde Bruxelas a unha audiencia galega. As comunidades son imaxinadas antes ca calquera outra cousa como dícía Benedict Anderson (1983), simplemente que agora son máis amplas e están menos condicionadas pola xeografía. 

Na maioría dos casos citados estamos a falar dunha media de 300 persoas por programa, o cal nun universo potencial duns tres millóns resulta ridículo. “Su nación suma doce escaños” opinaba sobre o Bloque la Voz de Galicia naquel postelectoral 16 de marzo de 2009. Galicia non deixa pois de ser unha idea e unha realidade virtual moi inferior á do suposto público potencial. Hoxe semella que os pobos non son pouco máis ca un grupo dunha rede social.  Non citaremos ningunha pois como aparecen e teñen unha intensa vida,  esváense. Que llo pregunten aos grupos formados no Myspace, Fotolog ou Tuenti.

 Nestes días previos ás eleccións catalanas lémbrasenos insistentemente que  a metade dos cataláns non se identifica co independentismo, de feito fala outra lingua e vive ou tenta vivir en Cataluña o máis posible como se vivise en Cuenca. “La República no existe, idiota” espetara aquel policía autonómico a un manifestante procesista. E en parte non lle falta razón. Xeracións pasadas de cataláns fixeron un pacto fáustico: desenrolo a cambio de dependencia. Doutro xeito, en Cataluña tería habido hoxe tanta poboación coma en Galicia – o historiador Josep Fontana sinalaba o semellantes que eran as dúas economías ao comezo da Revolución Industrial- cecais cunha Barcelona de medio millón de persoas, coma un Dublín, un Copenhague ou unha Bratislava.  Ao cabo, é ese millón de vascos e eses tres millóns de cataláns son os grandes estabilizadores automáticos do Estado, antes ca calquera cuestión institucional ou económica.  Demasiados e cun pasaporte demasiado importante coma para ser ignorados.  Non son os rusos nos países bálticos xusto á caída da, que ata hoxe seguen a ser non cidadáns neses países, e non chegan nin a un terzo da poboación. 

Falaba o mes pasado de “Ottoman Oddisey” de Alev Scott, libriño recomendable por estar escrito por quen, navegando a identidade turcochipriota de nacemento e británica por crianza ten que lidar co exilio forzado que, sendo correspondente en Estambul, lle impuxo o neotomanismo de Erdogan. Tendo á vez que lidar coa herdanza otomana do Tratado de Sevres, do que agora celebramos un século, e as cesuras que supuxo en Grecia e Chipre, nos Balcáns, o levante árabe e a propia diáspora turca. E malia os desgarros, as limpezas e deportacións forzadas, atopa illas de paz. Coma a vila na serra setentrional de Chipre, onde os turcos protexeron os gregos durante a guerra de 1974, e alí seguen. Uns falando grego e os outros turco.  Exemplos atopámolos aínda hoxe salferidos por media Europa. Non deixen de escoitar “Fóra de Mapa” produto da diáspora galega en Bruxelas e Londres, que fala diso. 

Vivo nunha cidade onde cruzar rúas supón literalmente que un idioma sexa oficial nun lado e outro na outra beira. Ou onde unha minoría que non chega ao 10% non só teña cotas reservadas (Bruxelas está metido dentro de Flandres malia ser universalmente francófona, pero os flamengos son maioría en Bélxica e os máis ricos) senón que teñen as súas propias escolas, as súas propias universidades, os seus propias entidades sociais, bares, médicos e tribunais. A unha escala máis imperfecta o modelo chamado da pilarización reprodúcese entre as moitas comunidades desta unha das cidades máis cosmopolitas do mundo, particularmente entre os turcos e os portugueses. 

Por iso que non supón pensar en Galicia non xa -infelizmente- coma a tríada risquiana de terra-pobo-fala, senón como comunidade. Supón aceptar que desgraciadamente centos de miles de galegos están embebidos de furor do converso -coma por certo, moitos flamengos nativos de Bruxelas, e que se pasaran ao francés cando os francófonos eran o pobo alfa- e non van volver a ser coma os seus pais e avós. Toca convivir e aceptarnos como somos. Que ser galego en sentido laxo sexa un xentilicio, un significante sen significado ou unha veciñanza administrativa. Supón tamén compartir as institucións. A alternativa é, coma en Cataluña, unha batalla existencial cada catro anos e pregar que non suba a participación para evitar que “os outros” tomen as institucións, porque fóra delas a sociedade civil catalana, as súas institucións cívicas, son moitísimo máis febles do que aparentan ser. 

Nós os galegos nin a ese espellismo podemos agarrarnos. A alternativa é o conflito civil no que nós somos perdedores de antemán.  Supón tamén máis unidade e fortaleza fóra das institucións. Estes días celebrouse o Día dos medios en Galego ,por exemplo. Igual había que plantexarse se o minifundismo é tan bo para o sector como o é par o pluralismo, e se se poden xerar sinerxías como sector que reduzan a dependencia de institucións controladas polos “outros”.  Supón a responsabilidade individual de non escusarse nas institucións e, en ocasións, reaccionar todos á unha.

 Coma no caso do lamentable espectáculo de La Sexta pintando aos galegos coma uns seres infantilizados que vivían no atraso fronte a progresía perdoavidas chachi de Madrid. Coma se a TVG non existise, Tempos Novos non existise, Oliver Laxe non existise,  GC non existise, A Esmorga non existise, Ferrín non existise, Land Rober non existise. O peor é que como repetidamente amosan os vídeos de Olaxonmario, os propios adolescentes galegos, metidos a ´youtubers´ e ´tiktokers´ vehiculan, malia corenta anos de democracia e autonomía, estereotipos que Franco atoparía esaxerados.  “O xeito máis perfecto de dominación é aquel exercido polos propios dominados” (Pierre Bourdieu).

´Debido a que o seu entendemento non lle daba para máis, chamábanlle "civilización" á súa escravitude´ (Tácito, “Agrícola” ano 98 d. C). A tolerancia polo outro non ten nada que ver coa servidume. Nin coa derrota. Durmimos demasiado ben pola noites malia sabermos que cada día que amence hai 60 galegos menos. E sen a urxencia que nos debería dar que, tal como imos, cando Icía sexa o suficientemente maior para ter a súa propia filla non terá sentido falar de galegos nin de galego. Seguirá habendo inxustizas, desigualdades, causas e pancartas, pero nós xa non estaremos aquí para velas. Porque perdemos demasiado tempo co conxuntural para evitar facelo no esencial.  
 

Bandeiras de España e de Galicia
Bandeiras de España e de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA