Tarefas de prevención e desinfección pola Covid-19, principais dos bombeiros de Santiago no 2020

O departamento, que espera contar con 55 traballadores en persoal en 2021, asegura que o número é "escaso" para a capital galega.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/02/2021 | Actualizada ás 13:05

Comparte esta noticia

O corpo de bombeiros de Santiago de Compostela levou a cabo 1.852 intervencións durante o ano 2020, na súa maioría actuacións de prevención e desinfección de diferentes zonas da cidade, debido á pandemia pola Covid-19.

Así o sinalou o xefe do servizo, Manuel Sanmartín, que presentou este xoves, 11 de febreiro, en rolda de prensa a memoria de actividades 2020 dos bombeiros de Santiago xunto ao concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños.

Muíños agradeceu ao departamento de bombeiros a súa implicación e traballo, "a pesar dos escasos efectivos cos que contan" e destacou as "actuacións musicais" coas que "animaban, aínda que fose por uns minutos, o confinamento". 

Respecto das actuacións realizadas, Sanmartín resaltou que as intervencións con velutinas reducíronse "notablemente" debido ao convenio asinado entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) con Seaga, polo que os bombeiros soamente interviñeron en "situacións urxentes", 500 no último ano.

Ademais, o responsable dos bombeiros composteláns recalcou que gran parte das intervencións estiveron relacionadas con tarefas ligadas á pandemia, como a prevención, a desinfección e os rescates "de persoas que non podían mobilizarse" -71 en 2020- , que pasaron dun 44% a un 70%.

A covid-19 e o confinamento, tal e como indicou Sanmartín, incidiron positivamente nos accidentes na estrada e con gases nos domicilios, que se reduciron. Tamén sinalou que o paso de borrascas e temporais chegou a provocar 59 intervencións en 24 horas.

EFECTIVOS E PREVISIÓNS PARA 2021

Para 2021, o responsable dos bombeiros composteláns comentou que "esperan" substituír a autoescalera que utilizan desde 1982, adquirir unha furgoneta eléctrica e dotarse dun sistema de xestión e comunicación propio.

Doutra banda, respecto dos efectivos dos que dispón o departamento, Sanmartín explicou para 2021, o departamento aumentará ata os 55 traballadores, incluídos auxiliares e outros efectivos, tras a "próxima incorporación" de nove bombeiros e a promoción interna para dúas vacantes de sarxento.

Tanto Gonzalo Muíños como Manuel Sanmartín subliñaron a "necesidade" de dotar ao corpo de máis efectivos, "xa que unha cidade como Santiago necesítaos", pero que estas reposicións están limitadas polos Orzamentos Xerais do Estado, "unha limitación que non se pode saltar", indicou Sanmartín.

Varios camións de bombeiros desprazáronse a un edificio. POLICÍA LOCAL
Varios camións de bombeiros desprazáronse a un edificio. POLICÍA LOCAL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta