Por gcdeportes | Compostela | 02/08/2013 | Actualizada ás 17:18
A tempada anterior converteuse na mellor da historia para o Obradoiro acadando o soño de entrar en play-offs. Este ano, en troques, as expectativas non eran as mesmas. A pesares da redución do orzamento e das baixas tan importantes como as de Andrés Rodríguez, Levon Kendall ou Salah Mejri, o equipo, pouco a pouco, foi collendo forma, chegando a cimentarse as bases dun equipo competitivo, que debería loitar por non sufrir para salvar a categoría.
Pero José Luis Mateo, director deportivo, gardaba un coello na chistera e asinaba a unha fichaxe para desbordar as ilusións da fantástica afección obradoirista. Trátase de Mike Muscala, pivote de 2,11m e 22 anos que xogou esta tempada na Universidade de Bucknell. Chega coa difícil responsabilidade de tapar o oco deixado por Salah Mejri, pero os seus números e potencial fan que tal fazaña non pareza unha quimera. Alcanzou 18,7 puntos, 11,8 rebotes e 2 tapóns por encontro. É o máximo anotador da historia da súa universidade, e entrou no selecto club de xogadores que alcanzaron os 2.000 puntos e 1.000 rebotes durante a súa carreira universitaria. Foi elexido número 44 do draft polos Mavericks, que cederon os dereitos aos Hawks de Atlanta.
É un xogador que en ataque destaca grazas aos seus recursos no poste baixo, un bo tiro de media distancia e un 80% en tiros libres, ademáis de ser un bo pasador e reboteador. En defensa, é capaz de impoñer a súa envergadura na intimidación, ademais de ser unha rocha preto do aro e asegurar o rebote defensivo. Unha das súas maiores virtudes é a súa facilidade para correr en ambas as dúas direccións da cancha, a pesar da súa altura.
Sorteo da ACB
O Obradoiro Blusens Monbus principiará a Liga o vindeiro 12-13 de outubro en Tenerife, fronte ao CB Canarias. Despois virán dous partidos seguidos no Fontes de Sar: La Bruixa d'Or Manresa e CAI Zaragoza.
Artigo de José Ángel Santoveña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.