A nova vía de tren supoñerá "un antes e un despois" para o porto de Ferrol, segundo a Xunta

A conselleira do Mar resta importancia á molestias apuntadas polos veciños ante a obra e destaca a importancia deste enlace ferroviario á hora de "dar saída" ao peirao ferrolán.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2021 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou este mércores "a importancia" de contar cun acceso ferroviario ao porto exterior de Ferrol, "que pola súa localización permite incrementar os tráficos con todo o norte e sur de Europa, e que vai supor un antes e un despois en toda a área limítrofe de Ferrol, aumentando a competitividade e o desenvolvemento económico da comunidade autónoma".

Estas manifestacións realizounas Quintana en Ferrol, na zona da Graña, onde visitou co presidente da Autoridade Portuaria, Indalecio Seijo, as obras de construción do acceso ferroviario á rada exterior, cuxa característica máis significativa é que discorre na súa maioría baixo terra, ademais de sobre unha ponte para salvar as augas do interior da ría.

QUEIXAS VECIÑAIS

A conselleira do Mar referiuse a esta infraestrutura como "un reto en enxeñaría, que se está desenvolvendo sen apenas dificultades, onde os contratempos que van xurdindo vanse superando". Ademais, destacou que "tal vez hai algún problema co ruído, onde se lles está dificultando un pouco a vida aos veciños, pero van tentar pór en marcha todas as medidas para evitar esta distorsión a estes veciños".

Tamén incidiu en que "calquera obra de interese xeral adoita motivar algunha molestia". "Esperemos que se resolvan e que esta obra que é fundamental nos permita dar saída internacional a este excelente porto", abundou. Así mesmo, Quintana detallou que segundo lles din "as obras van a bo ritmo e o inicio da conexión desde esta zona", en alusión á Graña, desde onde se empezará a perforar no mes de marzo "e a ver se na primavera pódense iniciar coa ponte, onde hai que manter as xanelas que nos dá a declaración de impacto ambiental (DIA), concretou.

PRODUCIÓN MARISQUEIRA

Noutra orde de asuntos, a preguntas dos medios de comunicación, Rosa Quintana tamén se referiu a a baixada de produción marisqueira que sofre a Ría de Ferrol e que denunciaron as confrarías nos últimos meses. "O único que falta por facer é un estudo da situación dos sedimentos, que a subdelagada do Goberno comprometeuse coas confrarías no ano 2018 que o encargaría ao Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (Cedex), que é quen ten a capacidade para realizar este tipo de análise", concluíu.

Por último, Quintana detallou que "non" cre que "sexa por culpa dos sedimentos que haxa esa baixada na produtividade". "Pero poden ser unha seria de circunstancias que estamos, entre todos, tratando de analizar", asegurou.

Ao fío deles a conselleira do Mar incidiu en que teñen "un técnico contratado para que faga un seguimento das diferentes zonas de produción da ría e parece que este ano, antes das choivas, o recrutamento era moito máis alto que o ano pasado" e "a sensación é de que se vai recuperando a ría", sentenciou.

Instalacións de Reganosa no Porto de Ferrol. REGANOSA - Arquivo
Instalacións de Reganosa no Porto de Ferrol. REGANOSA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta