"O lobo é un patrimonio natural e cultural dun valor incalculable", din desde Acopo Fauna

A asociación reivindica a implicación da Administración para combater o furtivismo.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2021 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A entidade ecoloxista Acopo Fauna está a favor de aumentar a protección do lobo ibérico e defende que en pleno século XXI pódese controlar, mediante a tecnoloxía, que o lobo ataque ao gando.

Un lobo morto dun tiro, neste caso trátase dunha femia atopada na Mezquita
Un lobo morto dun tiro, neste caso trátase dunha femia atopada na Mezquita | Fonte: Axentes medioambientais da Xunta

"O conflito co gando no 2021 non pode basearse en matar lobos indiscriminadamente, a súa xestión debe sustentarse en que as explotacións gandeiras se modernicen, e teñan as suficientes medidas de protección para evitar danos, coma mastíns, peches para o gando e un manexo adecuado", explican nun comunicado.

CANTIDADE DE LOBOS EN GALICIA

Por outra banda, fan referencia ao último Censo do Lobo en Galicia (2013-2015), que relata que detectáronse 90 grupos reprodutores distribuídos polas 4 provincias da comunidade autónoma galega e 14 deles compartidos con outras CCAA e Portugal.

En concreto, na provincia de Pontevedra, este estudo determinou a existencia de 13 mandas, 5 das cales teñen tamén parte do seu territorio en Lugo e Ourense. Segundo Acopo Fauna, actualmente, en Galicia, "o lobo é unha especie cinexética, e só se pode cazar con autorización da Xunta por danos reiterados ao gando". 

NECESIDADE DE IMPLICACIÓN DA ADMINISTRACIÓN

Por isto, Acopo Fauna fai un chamamento á Administración para que se implique e combata o furtivismo, que é a primeira causa da morte dos lobo e revindican a figura dos axentes de Medio Ambiente e vixiantes que ocúpanse de dar conta desta actividade ilegal.

"O Estado e as CCAA teñen que impulsar o cambio lexislativo para que non se poida matar lobos legalmente, empregar as ferramentas adecuadas para rematar coa persecución ilegal que sofre a especie, e favorecer a modernización das explotacións gandeiras dotándoas de medios técnicos que eviten os danos ao gando", reivindican dende a asociación.

Por último, defenden que o lobo equilibra e dá estabilidade ao ecosistema, e resaltan que "é un patrimonio natural e cultural dun valor incalculable que a maioría da sociedade quere conservar". Por isto esixen que, ademais do paso "na dirección correcta" de incluír a este animal no LESPRE, "deben vir outros detrás se queremos garantir, antes de que sexa tarde, que a especie goce dunha protección real e efectiva". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta