Por gcdeportes | Compostela | 10/08/2013 | Actualizada ás 18:31
Nunca unha maratoniana española acadara un posto tan alto. É a atleta luguesa Alessandra Aguilar, de 35 anos, quen concluíu na quinta posición no maratón do Campionato do Mundo de Moscova, que dende este sábado e ata o domingo 18 se celebra na capital rusa. Ademáis, quedou a só uns segundos do crono logrado por Mónica Pont, sexta en Goteborg'95.
A atleta lucense, baixo unha abafante calor, completou os 42 quilómetros nun tempo de 2 horas, 32 minutos e 39 segundos. Arrincou forte a proba e estivo sempre nas primeiras posicións (foi undécima no paso polo ecuador da proba) e tras uns fantásticos quilómetros finais ascendeu ata a quinta posición. O ouro foi para a kenyana Edna Kiplagat (de profvesión, sarxento de policía), a prata para a italiana Valeria Straneo, quen tirou do grupo de favoritas case toda a carreira, e o bronce para a xaponesa Kayoko Fukushi.
“Un quinto posto nun Mundial é mellor que unha marca. Foi a carreira máis dura que corrín con diferenza. Aínda que a min me beneficiou, a organización equivocouse poñéndoa ás dúas da tarde”, laiouse a lucense, quen aínda así añadiu: “Estou moi contenta, aínda non o creo”.
Ata este quinto posto, a galega de 35 anos (Lugo, 1 de xullo de 1978) contaba no seu palmarés coa posición 24 acadada no Mundial de Berlín como mellor resultado. Aguilar adicou o resultado "aos meus avós, que morreron hai quince días, e a miña familia, a miña parella e ao meu grupo de adestramento. Só nos sabemos o que pasamos ata chegar ata aquí".
Dous galegos máis
A delegación galega complétase con dous atletas máis: a ourensá Lorena Luaces, o martes nos 20 quilómetros marcha, e Frank Casañas, cubano nacionalizado que reside en Pontevedra, o luns na cualificación de lanzamento de disco.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.