Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/02/2021 | Actualizada ás 22:00
A Xunta de Galicia segue mantendo aos grandes grupos de comunicación grazas ás cuantiosas campañas publicitarias que lles ofrece. E a pesar da crise da covid e das limitadas posibilidades turísticas que ten o país, destinará 2,5 millóns (Sen IVE) a unha gran campaña publicitaria cuxo obxectivo é “promoción turística de Galicia durante o Ano Santo Xacobeo 2021”. Unha campaña que se desenvolverá, como máximo, entre o 1 de marzo e o 10 de xullo de 2021 para promocionar un Ano Santo que, debido as a malas previsións deste ano, tamén se celebrará o vindeiro ano.
Con todo, Turismo de Galicia xustifica esta cantidade millonaria en propaganda coa “intención de sensibilizar á poboación e aos sectores implicados sobre os valores do turismo de Galicia como un destino seguro”. Iso, a pesar de recoñecer que o turismo e as viaxes son dúas das actividades que máis se teñen visto afectadas pola influencia da covid-19.
De feito, a propia Xunta recoñece que a progresión ascendente no número de peregrinos e visitantes que viña rexistrando Galicia desde a última década, “viuse drasticamente truncada por mor da influencia que a covid-19 está a ter en todo o mundo”, e sobre todo, nos principias países emisores do mercado turístico Galicia: Portugal, Francia, Gran Bretaña, Italia, Alemaña e os Estados Unidos.
DIÑEIRO DA CULTURA
Esta partida procede do Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid 19, un plan dotado con 58 millóns de euros, e que esté centrado, principalmente, en actividades de formación para empresarios e traballadores ata a creación de novas infraestruturas locais. A pesar diso, e da mala situación deste sector, 2,5 deses millóns serán para propaganda.
“Con todo, dentro do contexto de apoio á reactivación dos sectores cultura e turístico desenvolvido pola Xunta de Galicia, faise preciso promover e dar a coñecer entre a cidadanía, máis ca nunca, a celebración do Xacobeo como gran acontecemento de promoción de Galicia e o Camiño de Santiago para o ano 2021”, xustifica a Xunta no prego do concurso. Por iso, propón o desenvolvemento dunha gran acción publicitaria a través dos medios de comunicación
OUTRAS ACCIÓNS PROPAGANDÍSTICAS
Turismo de Galicia aprobou destinar 6,5 millóns de euros a un “Acordo Marco de Elaboración, produción e plan de medios da campaña de promoción dos recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia”. Un programa millonario no que inclúe esta acción, xunto cun mínimo doutras catro, “de impacto autonómico e nacional.
Así, ademais da promoción turística de Galicia durante o Ano Santo Xacobeo 2021 tamén ten previsto realizar campañas publicitarias para a promoción turística de Galicia no verán, outra sobre a concienciación e acollida de visitantes “para ofrecer un bo trato aos turistas que visitan a nosa comunidade durante o Ano Santo Xacobeo 2021” e dúas máis de promoción turística de Galicia no outono de 2021 e na primavera de 2022.
A este diñeiro hai que sumar outros 2,4 millóns para un seguro anticovid dos visitantes que acudan a Galicia durante este ano. Turismo de Galicia usará 110.000 euros dese contrato para realizar, ademais, campañas publicitarias nos grandes medios galegos, a pesar de que o seguro é para turistas doutras autonomías e estranxeiros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.