Por Galicia Confidencial | Vigo | 13/08/2013 | Actualizada ás 09:55
Efectivos de Policía Nacional, Policía Científica e do Tedax desprazáronse á oficina de Novagalicia Banco sita na estrada da Coutada, 8, na parroquia viguesa de Beade, onde se produciu unha explosión a pasada madrugada.
O estoupido produciuse arredor das 04.20 horas, causando considerables danos materiais nesta oficina. Non houbo feridos.
Segundo os primeiros datos, a explosión foi causada por un artefacto colocado xusto no exterior das instalacións da entidade bancaria. Trataríase dun artefacto colocado "dentro de una especie de fiambrera o termo, etcétera" con "cierta potencia" que provocou que as portas da oficina saísen despedidas cinco metros, adiantou o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez.
A Policía ten de momento abertas todas as vías de investigación mentres se recollen e analizan probas. Con todo, o delegado do Goberno atreveuse xa ao mediodía a dicir que o artefacto leva "todo o selo" de Resistencia Galega polo "tipo" de artefacto, o "lugar" onde foi colocado e a "data". Porén, ninguén se atribuíu aínda a autoría do estoupido.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.