ASAJA, COAG e UPA: "a situación do lobo é de expansión, e non de perigo de extinción"

Mobilizaranse ante o "desprezo" aos gandeiros por parte do Goberno polo lobo

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/02/2021 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

As organizacións profesionais agrarias ASAJA, COAG e UPA criticaron este martes o "desprezo" e o "abandono" do Goberno aos gandeiros "que se enfrontan aos lobos cada día" e anunciaron mobilizacións de protesta contra a orde pola que se inclúe ao lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lespre) e deixa de ser especie cinexética en toda España.

Así o anunciaron as organizacións representativas dos gandeiros, tras reunirse co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, e co secretario xeral de Agricultura e Alimentación, Fernando Miranda, e "ante a falta de vontade" do Ministerio de Transición Ecolóxica, que "non está disposto a retirar o procedemento de elaboración da orde que expulsaría a miles de gandeiros de extensivo".

No encontro, os representantes de ASAJA, COAG e UPA pediron a ambos os responsables "unha reflexión profunda" sobre a inclusión do lobo na listaxe de especies de protección especial, "tendo en conta de que, segundo os expertos, a situación do lobo ibérico é de expansión, e non de perigo de extinción".

Segundo advertiron nun comunicado conxunto, a "blindaxe" do lobo por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica "sacará ás rúas a miles de gandeiros españois". Así, destacaron que, "lonxe de ser unha rabecha", os produtores mobilizaranse para lanzar "un berro de auxilio" para reverter a que consideran unha medida "perniciosa e sectaria que lles causará graves problemas".

Deste xeito, os gandeiros fixeron fincapé en que acudían á reunión "con ánimo de diálogo e ganas de buscar unha solución". "Aquí ninguén quere exterminar ao lobo", sentenciaron UPA, COAG e ASAJA, que apostan por deseñar unha estratexia que permita o desenvolvemento da gandaría extensiva e o coidado do medio ambiente e do medio rural.

Lobo Ibérico
Lobo Ibérico | Fonte: ANA RETAMERO PARA WWF.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta