Denuncian a "privatización encuberta" da universidade galega a mans da Xunta

A plataforma Erguer acusa á Consellería de desenvolver recortes no mestrado de profesorado e non ofrecer prazas suficientes.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2021 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

A asociación estudantil Erguer presentou este xoves, 25 de febreiro, unha moción ao goberno da Xunta no Parlamento Galego xunto co partido político BNG debido aos recortes na educación pública e a situación do mestrado de profesorado. Os estudantes defenden que o mestrado de profesorado é "condición sine qua non para presentarse a unhas oposicións e acceder ao profesorado". Porén, o sistema universitario público galego ofrece un total de 765 prazas frente ás 1174 vacantes nas oposicións de 2020.

Cartaz Mestrados
Cartaz Mestrados | Fonte: Erguer

Isto significa que, por cada 100 prazas nas oposicións, a Xunta ofrece 65 prazas no mestrado de profesorado, "sendo nalgúns graos aínda mais esaxerada esta disparidade", denuncian dende Erguer. Ademais, tilda esta cantidade de "ínfima", e "que nin sequera cumpre os mínimos da propia Xunta".

"PRIVATIZACIÓN ENCUBERTA"

Isto supón, segundo as estudantes, unha "privatización encuberta e un modelo de formación colonial, no cal a maioría dos nosos docentes teñen que se formar en centros privados, asumindo custos elevadísimos debido ao actual aumento de opositores derivado da situación pandémica".

A organización esixe á Xunta que poña a disposición das Universidades os recursos necesarios para a formación de profesorado no ensino público. "É inaceptábel que se siga favorecendo o ensino privado mentres as estudantes sufrimos o deterioro continuo do ensino público".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta