A nova vida das orquestras: "o pianista traballa nun tanatorio e o saxo fai horas nun autobús"

O sector denuncia que a falta de apoios públicos pon en serios apertos a supervivencia das empresas e os seus músicos. A dificultade para acceder ás axudas da Xunta replícase no caso dos ERTE: "nos primeiros seis meses non me chegou un euro do SEPE", explica un traballador.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2021 | Actualizada ás 22:06

Comparte esta noticia

O verán de 2021 dificilmente terá verbenas, e as culpas --de darse-- haberá que buscalas en Bruselas. A Comisión Europea, órgano encargado do subministro de vacinas para os 26 países da UE, anunciou o pasado 15 de febreiro que non mercaría a Sputnik rusa. Segundo fontes comunitarias, o fluxo actual de doses será “suficiente” para chegar á inmunidade de rabaño en setembro; unha ecuación arriscada na que quizais non se tiveron en conta os reiterados incumprimentos das farmacéuticas occidentais. 

Orquestra Panorama en Calo, Teo (Ames).
Orquestra Panorama en Calo, Teo (Ames).

A Sputnik rusa, cunha eficacia que rolda o 90%, desaparecía así do horizonte poucos días despois de que Josep Borell --Alto Representante da UE en Asuntos Exteriores-- mantivera un tirapuxa co goberno de Putin a raíz dos presos cataláns. Fora influínte ou non esta cuestión, o certo é que a campaña de vacinación en Galicia e o resto do Estado avanza lenta, pesada e irregular. O estancamento das cifras vén acompañado de episodios de colectivos profesionais acusando á Xunta de “saltar” a parte dos sectores que están a recibir a Astra-Zéneca.

A parsimonia da campaña dilúe así as poucas esperanzas de volver traballar este ano que mantiña o colectivo das orquestras galegas, sen dúbida un dos máis castigados polas restricións. A diferenza dos hosteleiros, que seguen exercendo a medio gas, os músicos, técnicos e montadores deste sector están a piques de cumprir 12 meses sen traballar un só día. Un aniversario negro que pon contra a cordas a supervivencia de moitos conxuntos, inclusive os máis grandes. 

Por suposto, a delicada situación das orquestras non só ten que ver co parón obrigado ao que foron sometidas. Dende hai meses, o sector vén clamando contra a insuficiencia das axudas públicas recibidas; unha espiñenta cuestión da que saen sinaladas as administracións estatais e autonómicas. “Aínda non recibimos un só euro da Xunta”, relataba a Galicia Confidencial días atrás Javier Saavedra, integrante da xunta directa da Asociación Galega de Orquestras e líder do histórico grupo Los Satélites.

A MEDIDA ESTRELA QUE NON CHEGA

O outro gran cravo sobre as contas das orquestras viría do martelo do Goberno central; e, máis concretamente, do SEPE, o órgano encargado de tramitar os famosos ERTE. Promocionados como a medida estrela do goberno de coalición, os ERTE foron recibidos cun entusiasmo que logo tornou en exasperación para todos aqueles profesionais aos que a axuda non daba chegado. Entre eles estivo Noli, vocalista do grupo coordinado por Saavedra: “pasei 6 meses sen recibir unha axuda, nin un só euro do ERTE”, explica.

Como Noli, o “90%” das empresas da Asociación Galega de Orquestras --maioritaria no sector-- quedaron fóra da rede salvadora do Goberno central. Nos Satélites recordan as duras semanas nas que se foron facendo á idea de que non cobrarían o ERTE: “o primeiro mes ingresáronlle 27€ a algúns compañeiros”, relata Noli, “e xa pensamos que ía comezar a chegar normal, que iso era dun día solto. Pero acabou o mes e nada, e veu o mes seguinte e nada tamén...”.

Entón comezaron as chamadas á administración, cos problemas habituais. “Nunha mañá chamei ao SEPE cerca de 170 veces, e cando me colleron dixéronme: ‘llame en otro momento’”, explica Saavedra. Tras varias semanas, a Asociación conseguiu coñecer por que estaban a quedar fóra da axuda que todos --ou case todos-- desfrutaban: “dixeron que no día do estado de alarma non estabamos dados de alta”, recorda Javier, cun suspiro de incredulidade.

DE ALTAS E BAIXAS

Resulta evidente que as orquestras --xunto co resto do mundo da verbena-- funcionan cun ritmo distinto ao da maior parte de sectores. Neste eido, a actividade non é constante e estendida no tempo, senón que se concentra nos meses do verán e, dentro destes, en datas escollidas. Por esta razón, os conxuntos musicais “funcionan por altas e baixas”, en palabras de Saavedra: é dicir, que entran na SS cando hai traballo e saen dela para regresar ao barbeito invernal.

Estas particularidades non foron tidas en conta polo SEPE, que decidiu excluír do ERTE a todas as empresas dadas de baixa no día 13 de marzo. “Foi unha triste casualidade que declararan a pandemia nesas datas, porque é a época máis frouxa do ano”, explica Saavedra. “Se a declaran unha fin de semana despois, o 80% das orquestras estarían dadas de alta”, calcula con resignación.

AUTOBUSES, CAMIÓNS, TANATORIOS

O peche imposto caeu así sobre un sector que tardaría medio ano en comezar a recibir un tímido fluxo de ingresos da man da administración. Tras varias reunións coa Xunta, a Asociación Galega de Orquestras conseguiu incluír aos seus na prestación “de fixos-discontinuos”; un apoio que, en moitos casos non chega para vivir. Músicos e montadores comezan a probar sorte noutros traballos: “o batería anda no camión hormigonera, o saxo fai horas nun autobús e en centros de día, tamén anda no bus o percusionista, o pianista traballa nun tanatorio... iso si, sempre con vistas a volver”, relata Noli.

Tampouco agocha o vocalista que eses meses sen percibir axudas foron “duros”; lenemente aliviados no seu caso porque contou co apoio da familia. “Pero penso nos compañeiros de fóra, pagando un aluguer, con fillos e sen un familiar que lles puidera botar unha man... pasárono moi mal”, valora. 

HABITACIÓNS INTERIORES

A mesma mala sorte que fixo caer o estado de alarma na semana “máis frouxa do ano” quixo que o parón das orquestras chegara nun momento delicado a nivel financeiro. Como consecuencia desa actividade estacional, os que viven da orquestra rematan por adoptar un ciclo de ‘hibernación económica’: no verán suman unhas ganancias das que logo van tirando ata que comeza novamente a actividade. Neste caso, a pandemia colleunos xusto cando se dispoñían a afinar os instrumentos e enchufar as luces: “foi unha época moi mala”, valora Noli, que engade: “se a pandemia nos tivera collido en outubro a cousa sería distinta, pero colleunos en marzo, cando xa levabamos todo o inverno aguantando”.

Non se sabe en que momento preciso a idea da inmunidade pre-verán saíu voando coma un deses paxaros do mes de maio. A nova, dura para todos, cae como un ferro sobre as casas dos músicos, feirantes e técnicos que viven, xustamente, do que agora está prohibido. Salvo viraxe radical, o verán do 2021 volverá ser de aire quente e parado en habitacións interiores. Un verán perdido. “Para min”, remata Noli, “este ano foi como se non existira. Non me deixou ningún recordo de nada. Nin me dei conta del”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta