Abertas as axudas de ata 60.000€ para instalar paneis solares en vivendas privadas

Serán accesibles a comunidades de veciños. A Xunta anuncia outro paquete de 4.000€ para particulares que instalen proxectos de autoconsumo enerxético.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2021 | Actualizada ás 12:01

Comparte esta noticia

A Xunta abriu este mércores o prazo para solicitar as axudas ao financiamento de proxectos de autoconsumo enerxético en fogares, unha liña dotada con 2 millóns de euros de orzamento. Diso informou a Administración autonómia, que lembra que esta orde, realizada a través dunha convocatoria de concorrencia non competitiva, prevé cubrir apoios dun máximo do 50% do proxecto ata 25.000 euros por iniciativa colectiva.

Deste xeito, a axuda máxima por vivenda é de 4.000 euros, que poderán elevarse ata os 5.550 euros se se opta pola instalación de baterías de litio. Con estas axudas a Xunta prevé mobilizar 4,5 millóns de euros no desenvolvemento de proxectos que, segundo as estimacións do Executivo autonómico, suporían un aforro de 250.000 euros e 1.750 megawatios hora ao ano, así como unha redución de emisións de 600 toneladas de CO2 anuais.

Por outra banda, o luns abrirá o prazo para as axudas á instalación de proxectos de enerxías renovables térmicas, como a biomasa, a xeotermia, a aerotermia e a solar térmica. A elas destínanse 3,1 millóns de euros, que irán parar (tamén a través do sistema de concorrencia non competitiva) á cobertura do 50% no caso de todos os proxectos salvo os vinculados á aerotermia, que alcanzarán o 30%.

A orde establece un máximo de 60.000 euros nas axudas a comunidades de veciños e a Xunta estima mobilizar en proxectos un total de 9 millóns de euros que permitirán un aforro de 650.000 euros anuais e unha redución de emisións de 5.000 toneladas de CO2 ao ano. O obxectivo da Administración galega é chegar "a 1.600 fogares galegos" a través destas dúas convocatorias. As solicitudes deberán presentarse a través das "entidades colaboradoras" ata o 1 de xullo. A data límite de execución e xustificación será o 30 de setembro.

Paneis solares en diversas vivendas
Paneis solares en diversas vivendas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta