A Fábrica Nacional de Moeda homenaxea a Emilia Pardo Bazán co gallo do Día da Muller

O PSdeG propón impulsar a recuperación da memoria democrática das mulleres galegas represaliadas

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/03/2021 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e a presidenta da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), Lida Sánchez, xunto á subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, presentaron a nova moeda emitida con motivo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, e coa que realiza unha homenaxe á escritora Emilia Pardo Bazán.

A presidenta da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), Lida Sánchez, na presentación dunha moeda dedicada a Emilia Pardo Bazán con motivo do Día da Muller, xunto ao delegado do Goberno, Javier Losada
A presidenta da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), Lida Sánchez, na presentación dunha moeda dedicada a Emilia Pardo Bazán con motivo do Día da Muller, xunto ao delegado do Goberno, Javier Losada | Fonte: Delegación do Goberno.

A presidenta da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, Lida Sánchez, resaltou que esta será a primeira moeda emitida por esta entidade en conmemoración do 8 de marzo "e a primeira muller elixida para esta tirada foi a escritora".

Ademais, reivindicou o papel das moedas de colección, "soporte físico que nos permite difundir a mensaxe dos valores históricos e artísticos que ten España". Neste obxectivo, reivindicou a figura de Pardo Bazán "e a súa loita polo feminismo".

A moeda conmemorativa do 8 de marzo, que xa se atopa á venda, reproduce no anverso o retrato do Rei Felipe VI e no reverso, o símbolo da muller enmarcando un retrato de Emilia Pardo Bazán publicado en 1892 pola revista La Ilustración Española y Americana. Da mesma, lanzouse unha tirada de 8.000 unidades.

MEMORIA DEMOCRÁTICA DAS  MULLERES GALEGAS

Por outro lado, os socialistas galegos levarán ao próximo pleno no Parlamento unha iniciativa para impulsar a recuperación da memoria democrática das mulleres galegas, co fin de visibilizalas e recoñecer o papel que tiveron na loita pola democracia e a autonomía galega.

Así o avanzaron este mércores as deputadas do PSdeG Paloma Castro e Noa Díaz, quen avanzaron que o seu grupo levará este asunto á próxima sesión plenaria a través dunha pregunta urxente.

Segundo indica o texto da iniciativa, o traballo de moitos historiadores e investigadores fixo que saíse á luz un dos "capítulos máis negros da historia", a Guerra Civil e a Postguerra. Con todo, sinala que, "como sempre, na maioría destes casos, as vítimas teñen cor masculina, quedando na sombra as mulleres".

"Os crimes do franquismo non fixeron distinción de xénero, e no noso país miles de mulleres foron represaliadas pola dobre condición de ser muller e ter unha ideoloxía diferente", apunta.

"Xa é hora de que a historia e o réxime franquista conten cunha perspectiva de xénero", considerou Castro, que sostén que "contar a historia sen contar coas mulleres, non é a historia real" do país.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta