Homenaxe en Pontevedra ás empresarias e traballadoras locais polo 8M a través do proxecto 'Mulleres da Vila'

A iniciativa, promovida pola fotógrafa e artista plástica Patricia Maquieira, traducirase nunha exposición de fotografías das participantes a través dos escaparates dos seus negocios e na elaboración dun vídeo que permitirá coñecelas mellor.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2021 | Actualizada ás 16:02

Comparte esta noticia

Un grupo de 22 empresarias que rexentan establecementos comerciais da cidade de Pontevedra protagoniza o proxecto 'Mulleres da Vila', impulsado pola Concellaría de Promoción Económica con motivo de 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, e deseñado co obxectivo de homenaxear, visibilizar e pór en valor a todas as mulleres traballadoras da Boa Vila.

A iniciativa, promovida pola fotógrafa e artista plástica Patricia Maquieira, traducirase nunha exposición de fotografías das participantes a través dos escaparates dos seus negocios e na elaboración dun vídeo que permitirá coñecelas mellor.

O proxecto foi presentado este xoves na Sala de Prensa do Teatro Principal pola concelleira de Promoción Económica e de Igualdade, Yoya Blanco, e Patricia Maquieira, nun acto que contou coa presenza dalgunha das protagonistas da campaña.

A edil do PSOE sinalou que esta iniciativa está dedicada "a todas esas mulleres que están a pé de rúa nos seus negocios ou traballan de face ao público, que se superan, esforzan, acompañan, achegan, axudan, asesoran, apoian, consenten, coidan, dan cor ou endulzan nosas rúas".

Yoya Blanco destacou que "sen elas nada sería igual" e apuntou que "despois dun ano no que tiveron que facer un esforzo extra por culpa da pandemia, merecen este recoñecemento e esta reivindicación do seu labor máis que nunca".

Tal e como explicou Patricia Maquieira, aínda que houbo máis de 40 empresas que se inscribiron no proxecto, "tívose que realizar un proceso de selección que nos deixou 16 firmas participantes como representantes de todas as demais".

Yoya Blanco presentando os actos do 8M no Concello de Pontevedra
Yoya Blanco presentando os actos do 8M no Concello de Pontevedra | Fonte: Concello de Pontevedra

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta