A Xunta insiste que Galicia está mellor que a media de España en canto o impacto da covid no paro

Esta defensa do mercado laboral galego saiu durante a reunión da Comisión de Economía cando o BNG sinalou o comportamento negativo do emprego en Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2021 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

A directora xeral de Formación e Colocación da Xunta, Zeltia Lado, defendeu este venres que Galicia "está a resistir" ao impacto da covid-19 no que respecta aos datos de paro mellor que a media de España. Así, destacou que febreiro pechou con 6.401 desempregados menos que os que había en 2020, o mes co número de parados "máis alto" de todo o ano da pandemia.

Así o reivindicou a directora xeral na súa comparecencia na Comisión 3ª, de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia, como resposta a unha pregunta formulada polo deputado do BNG Daniel Pérez.

Na súa intervención, o parlamentario nacionalista referiuse ao "comportamento negativo" do mercado laboral galego segundo datos da enquisa de poboación activa de xaneiro --cando rexistrou a iniciativa na Cámara--.

Neste contexto, apuntou a unha "alertante perda de ocupación" e a unha "grave caída da poboación activa" na Comunidade no último trimestre de 2020. En concreto, asegurou que en Galicia a taxa de actividade situouse no 52,3%, "por baixo da do Estado español" co 58,19%.

Ademais, na súa primeira intervención, Pérez lamentou que o 77% do emprego destruído durante a pandemia "foi feminino", o que relacionou co incremento das mulleres que pasaron a dedicarse ao fogar e aos coidados. Isto pon de relevo, ao seu xuízo, os "escasos resultados dos programas de igualdade" planeados pola Xunta.

CIFRA "INFERIOR" A FEBREIRO DE 2009

Pola súa banda, a directora xeral de Formación e Colocación reivindicou o traballo realizado polo actual goberno da Xunta desde 2009. "Antes da chegada da crise sanitaria, Galicia encadeaba sete anos seguidos de caída do paro interanual no mes de febreiro", afirmou, para seguidamente subliñar que a última cifra do paro "aínda é inferior" á de febreiro do 2009.

Así, o "traballo" e "esforzo" do Executivo galego durante os últimos 12 anos, coa "estabilidade" do mercado laboral, permitiu que Galicia "estea a resistir aos golpes" da crise do coronavirus. Neste contexto, defendeu que a taxa de paro xuvenil é "inferior en 3,9% puntos" á do Estado e a dos chamados 'ninis' sitúase no 12,52% na Comunidade galega "fronte ao 16,09% en España". Ademais, dos novos asalariados, "o 47% están vinculados á empresa por contratos indefinidos".

No que respecta ao emprego feminino, a última taxa de paro foi "5 puntos menos" que a media nacional e as mulleres supoñen "o 47% do total de ocupados, dous puntos por encima" que en toda España. Neste sentido, destacou que os apoios a desempregados 350 millóns de euros nos orzamentos da Xunta para 2021, "un 32% máis que en 2020 para loitar contra a pandemia e construír a mellor Galicia posible e con máis oportunidades laborais".

O BNG PIDE "IR MÁIS ALÓ"

Fronte a iso, o deputado do BNG criticou que a directora xeral "volva xustificar unha mellor situación aparentemente" de Galicia "comparando o mercado laboral galego co español". "Pero hai que ir máis aló", engadiu. É máis, Daniel López dixo ter a "sensación" de que a Xunta "segue nunha liña continuista", tras o cal reclamou ao Goberno galego "moito máis compromiso e valentía", sobre todo "coas mulleres e mozas deste país".

Durante a súa quenda de peche, a directora xeral de Formación e Colocación garantiu que a Xunta é "consciente" da situación económica "sen precedentes" que deixa a pandemia, polo que "é momento de arrimar o ombreiro" sen escatimar "en esforzos para dar resposta ás necesidades máis urxentes".

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana. XOAN CRESPO - Arquivo
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana. XOAN CRESPO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta