Por Galicia Confidencial | Ourense | 30/08/2013 | Actualizada ás 13:18
San Paio de Abeleda abre as súas portas. Será a partir deste domingo, 1 de setembro cando este mosteiro do Concello de Castro Caldelas poida ser visitado grazas a presenza de guías voluntarios de O Sorriso de Daniel. "Acudiremos ao lugar sempre que se anuncie unha visita para poder amosar a igrexa que se clausurou no ano 1972", apunta esta asociación.
Durante os meses de xuño e xullo un grupo de voluntarios estiveron limpando o entorno e o interior da igrexa, clausurada en 1972, para que dun xeito xa seguro poida ser contemplada a ruína na que hoxe está sumida o templo. A asociación concentrará agora os seus esforzos en seguir divulgando o valor artístico dunha das abadías máis ricas de toda a diócese de Ourense e en buscar axuda para salvar San Paio de Abeleda da súa total ruína. igrexa de San Paio de Abeleda perdeu unha parte do teito hai xa tempo e só conserva teitada a zona na que había bóvedas. Os visitantes só poderán transitar por aquelas zonas nas que as condicións de seguridade o aconsellan.
Este esforzo por facer visitables edificios ocultos para o público ten moito que ver coa filosofía dos socios de O Sorrio de Daniel. "Non se pode coidar o que non se quere e non se pode querer o que non se coñece". Para calquera dúbida, aclaración ou para pedir fotografías sobre esta información chamar ao 630 94 12 70
E outras portas que pechan
Por outra banda, este sábado 31 de agosto será o último sábado que os visitantes poderán acceder á absida de Santo Estevo de Ribas de Sil. Ou polo menos por unha temporada. Esta parte do edificio, a máis antiga de todo o que se conserva construido, estivo oculta para o público durante moitos anos por se atopar nunha zona non visitable.
No pasado mes de abril a asociación O Sorriso de Daniel promoveu unha limpeza da maleza que impedía o acceso a ela. Os traballos foron realizados por máis de 30 persoas que nun só día deixaron expedito o paso. En paralelo a asociación traballou cos propietarios da finca colindante, cos responsables de Paradores e co concello de Nogueira de Ramuín para que se puidese facer una zona valada arredor do perímetro da igrexa que permita manter aberta a cancela que hoxe impide o paso aos visitantes. Mentres a Dirección Xeral de Patrimonio tramitaba a solicitude para facer este valo os voluntarios de O Sorriso de Daniel voltaron a Santo Estevo para durante catro sábados -o derradeiro deles este do día 31 de agosto- abrir e explicar aos visitantes a riqueza dun edificio senlleiro.
Na pasada semana a Dirección Xeral de Patrimonio xa deu o visto e prace á construción do valado perimetral e agora só falta que Paradores e o Concello de Nogueira de Ramuín acometan a obra. Unha vez que a obra -considerada obra menor pola Dirección Xeral de Patrimonio- estea feita a cancela poderase abrir ao público no mesmo horario no que está a igrexa.
O Sorriso de Daniel destaca o "altísimo" número de visitas recibidas nos tres sábados anteriores onde o fluir de visitantes foi constante. En todo caso e mentres as obras non se acometan a cancela volverá a pecharse e a ábsida de Santo Estevo voltará a estar oculta para os amantes do patrimonio románico e para os visitantes da Ribeira Sacra en Xeral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.