O cambio de criterio do Goberno ante a sentencia de Meirás desata a celebración dos implicados

O Concello de Sada agradece o recurso á sentencia, que Iniciativa Galega pola Memoria ve "totalmente inasummible dende o punto de vista democrático".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2021 | Actualizada ás 13:41

Comparte esta noticia

O Concello de Sada agradeceu o "cambio de criterio" do Estado tras a decisión, fronte ao criterio inicial, de recorrer o fallo da Audiencia coruñesa sobre o pazo de Meirás, que recoñece o inmoble como parte do patrimonio público, pero obriga ao pago de indemnización ao Franco. Nun comunicado, insta agora a un "acordo unánime" no Parlamento galego para que a Xunta se sume ao recurso ante o Tribunal Supremo.

Por outra banda, remarca que o Concello de Sada foi "a primeira institución en considerar a posesión do Franco como de mala fe, debendo ser unha pretensión da demanda xudicial e un pronunciamento da sentenza en tal sentido". Ademais dos escritos remitidos ás distintas institucións implicadas, para que se presentase un recurso que o alcalde, Benito Portela, xa anunciou no seu momento por parte do consistorio, recoñece e valora "a transcendencia da mobilización social".

O pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado / M.Dylan - Europa Press.  / Europa Press
O pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado / M.Dylan - Europa Press. / Europa Press

INICIATIVA GALEGA POLA MEMORIA

En liñas paralelas, Iniciativa Galega pola Memoria mostrou a súa satisfacción pola decisión do Estado de recorrer a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que, ademais de obrigar a indemnizar á familia Franco, establece a boa fe no proceder do ditador e a súa descendencia. Para o colectivo, o cambio de parecer dos gobernos, tanto estatal como autonómico, mostra "a forza da loita pola memoria que o pobo galego vén exercendo desde hai décadas".

"Sen o esforzo maratoniano realizado no últimos quince días por milleiros de persoas e ducias de colectivos galegos e estatais, as administracións avalarían unha sentenza que resulta totalmente inasumible desde o punto de vista democrático". "Non só por pretender institucionalizar o espolio a través da entrega de diñeiro público a quen o realizou, senón tamén por dar por bo un relato edulcorado da ditadura xenocida que suporía unha nova burla ás vítimas", sostén nun comunicado.

Nel, insiste en que a "loita social foi clave para finalizar coa incomprensible pasividade que as institucións democráticas mantiveron durante máis de corenta anos respecto ao espolio da familia Franco". "O cambio que supuxo a interposición en xullo de 2019 da demanda para a recuperación de Meirás veu provocado por anos de mobilización social", recalca nun comunicado no que destaca o traballo dos integrantes da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña e dos investigadores Carlos Babío e Manuel Pérez.

Iniciativa Galega pola Memoria agradece, en particular, o esforzo de ambos, "así como de todas as persoas que, a través da súa firma, do seu traballo nas diferentes organizacións memorialísticas ou co seu discurso nas redes ou no seo das súas respectivas agrupacións políticas, empuxaron para lograr, de novo, cambiar o que parecía inamovible", sinala sobre o cambio de criterio do Goberno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta