Por Galicia Confidencial | Vigo | 04/09/2013 | Actualizada ás 13:01
Juan Manuel Urgoiti. Madrileño, ex presidente do Banco Gallego, conselleiro delegado do Banco Bilbao Biscaia, presidente de Ahorrobank, do Banco Occidental, do Banco de Crédito Canario, conselleiro de Antibióticos e máximo representante ademais de varios organismos e fundacións.
Urgoiti é, ademais, un executivo da máxima confianza de Amancio Ortega e conselleiro independente de Inditex, onde ocupa, ademais na actualidade, unha vicepresidencia de Acciona. Pero ao longo da súa carreira ocupou moitos máis postos en todos os ámbitos da empresa e as finanzas.
Ese é o home e a traxectoria que tanto a cervexeira Damm como o fondo Luxempart e Iberfomento, que forman parte do accionariado de Pescanova, queren para presidir a compañía. Por iso, e segundo publica El Economista, proporán o seu nome na xunta de accionistas que se celebrará o próximo 12 de setembro.
Movemento de Damm
O pasado 14 de agosto, Damm, que controla o 6,18% do capital de Pescanova, remitiu xa unha primeira proposta á CNMV na que expuña reducir o número de conselleiros da compañía galega de 11 a 7 e ofrecía xa unha serie de nomes como posibles presidentes, na que figuraba Urgoiti.
Damm aseguraba entón que o futuro presidente debía ser un independente e ademais deste directivo expuña como posibles alternativas a Luís Angel Sánchez, presidente de SES Astra Ibérica e conselleiro independente da Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb), Angel Legase, conselleiro e director xeral de CAF desde 1993 e presidente do comité de auditoría e Yago Méndez, que ocupa xa un posto no máximo órgano executivo da empresa.
Nos últimos días, e tras intensas negociacións co resto de accionistas críticos coa xestión de Manuel Fernández de Sousa, segundo publica El Economista, Urgoiti foi o home de consenso elixido e o que ten agora mesmas máis posibilidades de alcanzar a presidencia. Se a xunta de accionistas o aproba, o consello completaríano, ademais, José Carceller, en representación de Damm; François Tesch, de Luxempart, e de José Antonio Pérez Nievas, por Iberfomento.
Ningún galego
Actualmente, entre a cervexeira catalá e estas dúas últimas firmas suman un 15,4 por cento do capital, pero a ese paquete accionarial sumarase tamén, case con toda probabilidade, o fondo Silicon Metals, que ten outro 5 por cento. Deste xeito, no máximo órgano de Pescanova non habería ningún galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.