Verín destinará o orzamento dos Maios a cubrir necesidades de xente desfavorecida

O importe reservado para os festexos será doado polo concello para o programa de atención ás necesidades básicas de persoas da comarca de Verín do C.D.R. Portas Abertas.

Por X.M. Fernández | Verín | 17/03/2021 | Actualizada ás 08:35

Comparte esta noticia

A concellería de Festexos do Concello de Verín celebrará a festa dos Maios, mantendo a elaboración das tradicionais coplas, adaptadas e optimizadas para a súa lectura e difusión a través de internet e dispositivos móbiles.

Os maios. Foto: Concello de Verín
Os maios. Foto: Concello de Verín

Ao non ser posible a venda das coplas e a recadación de fondos solidarios para as asociacións participantes, así como a elaboración dos Maios Florais, debido ás restricións derivadas do actual estado de alarma, este ano o ente municipal doará, integramente, a  cantidade orzamentada para os devanditos festexos ao programa de atención ás necesidades básicas de persoas da comarca de Verín do Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas.

Dende o ente municipal lembran a figura de Enrique Gómez Pato, veciño que retomou na década dos cincuenta do século pasado a tradición dos Maios en Verín e promoveu, tamén durante anos, funcións teatrais en beneficio do Asilo de Verín. Nese senso sinalan que, se hoxe estivera entre nós, aplaudiría que o certame teña como obxectivo este ano recadar fondos solidarios.

O Concello de Verín pedirá a centros de ensino, institucións, asociacións culturais e sociais da comarca de Verín que participaron na Festa dos Maios anos atrás que colaboren coa redacción dunha copla, que se divulgará o día 1 de maio a través das plataformas online oficiais do Concello de Verín.

Segundo indicou Emilia Somoza, concelleira de Educación, Cultura e Festexos, ao igual que o pasado ano decidiuse doar a partida orzamentaria destinada á celebración dos Maios entendendo que "a día de hoxe, moitas persoas, empresas, autónomos e familias da nosa contorna están a pasar por unha complicada situación socioeconómica derivada dos efectos da pandemia". 

Os criterios de colaboración para participar na edición do 'Maio Solidario 2021' -In Memoriam Enrique Gómez Pato- están detallados na páxina web do concello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta