Anova esixe á Xunta que paralice a tramitación do parque eólico Monte Chan

Segundo o colectivo, as inmediacións de espazos da Rede Natura onde se vai instalar o parque eólico "debería ser unha zona cun grao máximo de protección".

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2021 | Actualizada ás 13:09

Comparte esta noticia

Anova esíxelle á Xunta de Galicia que paralice a tramitación do parque eólico Monte Chan, impulsado por EDP Renovables España S.L.U. nos concellos de Vimianzo e Laxe, pola súa afección paisaxística e ambiental.

Comunicado
Comunicado | Fonte: Catro Entidades Denuncian Ante A Fiscalía As Autorizacións Ao Novo Parque Eólico De Endesa En Paradela Polas súas Afeccións Negativas Sobre A Ribeira Sacra, O Camiño De Santiago E Dúas Especies De Aves Ameazadas

Segundo o colectivo, a Xunta reitera a "práctica fraudulenta" de permitir a ubicación deste tipo de proxectos na contorna da Rede Natura, cando esta debería estar "protexida". Así, sosteñen que "no parque eólico Monte Chan, na paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, a Xunta aplica a mesma sistemática de ocupar zonas que deberían estar nunha proposta de ampliación da Rede Natura".

Porén, defenden que en lugar de facer isto, "a ampliación está paralizada precisamente para favorecer a ubicación irregular de eólicos nestas zonas que deberían contar cun grao máximo de protección", declarou Antón Sánchez, voceiro de Anova. 

PROXECTO

Este proxecto, no que se pretende ubicar un total de nove aeroxeradores de 200 metros de altura en punta, sitúase a escasa distancia das zonas protexidas ZEC Costa da Morte e ZEPA Costa da Morte Norte, afectando directamente á paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, nunha das zonas de Galiza máis destacadas polo interese xeomorfolóxico das súas formacións graníticas.

Ademais, dende a asociación recordan que a finais de 2020, a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia referente ao parque eólico da Serra do Oribio xa advertira da posible interferencia para a ampliación da Rede Ecolóxica Europea ao planificar eólicos nos seus arbores.

Por isto, Anova demanda que se protexan espazos que, coma os Penedos de Pasarela e Traba, "deben preservarse para as xeracións vindeiras, motivo polo que a Xunta de Galicia debe poñerse do lado do interese público e deixar de estar do lado do interese privado duns poucos", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta